A fusión entre Goya e Hellboy chega a Compostela
O artista francés Stéphane Levallois reinterpreta o universo do pintor aragonés en diálogo co icónico personaxe do cómic e o cinema fantástico

A figura de Francisco de Goya e a súa fascinación polos monstros, os medos e o subconsciente inspiran a nova exposición «Goya-Hellboy. Unha iconografía de monstros, por Stéphane Levallois», inaugurada hoxe e aberta ao público ata o 24 de xaneiro. A mostra convida a explorar o encontro entre dous mundos separados por séculos pero unidos pola súa capacidade para retratar o horror e a beleza do estraño: o do pintor aragonés e o do demonio vermello Hellboy, creado polo estadounidense Mike Mignola.
A exposición reúne 72 ilustracións orixinais do debuixante francés Stéphane Levallois, recoñecido como un dos grandes creadores do cine fantástico contemporáneo. A través das súas creacións, Levallois establece un diálogo visual e simbólico entre Goya e Hellboy, reinterpretando o legado do artista español desde unha mirada actual, chea de ecos do cómic e da estética cinematográfica.
Goya e Mignola, dous universos que se atopan
As persoas que visiten a mostra poderán contemplar tamén obras orixinais de Goya procedentes da Colección de Arte Afundación, entre elas dúas das súas series máis emblemáticas: «Os caprichos» e «Os disparates», nas que o mestre de Fuendetodos explorou o absurdo, o soño e a monstruosidade humana. A influencia destas gravuras é especialmente visible nas creacións de Levallois, que dialogan coa tradición goyesca desde o universo escuro de Hellboy.
A exposición inclúe, ademais, dúas láminas cedidas e asinadas por Mike Mignola, creador da saga Hellboy, quen xa en 2008 lle dedicara unha homenaxe directa a Goya nunha banda deseñada presente na mostra. Ese vínculo confirma a profunda pegada de Goya no imaxinario fantástico contemporáneo, un territorio no que o seu legado continúa vivo.
Un proxecto comisariado por Asier Mensuro
Comisariada polo especialista en cinema e banda deseñada Asier Mensuro, «Goya-Hellboy. Unha iconografía de monstros» propón unha reflexión sobre o poder da imaxe e o medo, sobre os monstros que habitan tanto nas pantasmas da razón do século XVIII como nas pantallas e páxinas do século XXI.
A mostra permanecerá aberta ata o 24 de xaneiro, convidando o público a mergullarse nun diálogo fascinante entre a tradición artística de Goya e o imaxinario fantástico moderno, reinterpretados pola mirada única de Stéphane Levallois.
