Nace en Compostela a nova referencia do rap galego: Lumedoloop
O trío santiagués, formado por tres nomes históricos do hip hop galego, publica este venres o seu primeiro sinxelo, unha crítica poética e afiada ao capitalismo contemporáneo

Algo importante está a prender na música galega. Este venres 17 de outubro verá a luz Rico de Sabor, o primeiro tema de Lumedoloop, unha nova e potente formación compostelá chamada a marcar un antes e un despois na escena urbana do país.
O proxecto nace da unión entre tres referentes do hip hop galego: Jamas, Møu e DJ Mil. Unha alianza que combina forza lírica, visión sonora e virtuosismo técnico, nun diálogo entre a tradición do rap e a exploración contemporánea de novos estilos.
Tres piares do hip hop galego
Jamas, voz principal de Lumedoloop, é un dos MCs máis recoñecibles da escena galega, coñecido pola súa capacidade para unir contundencia e sensibilidade, cun flow natural cargado de musicalidade.
Møu, produtor e tamén voz do proxecto, é un dos artífices do son moderno do rap galego, cun estilo en constante evolución que define boa parte do ADN do xénero no país.
Ambos, fundadores de Dios Ke Te Crew, alíanse agora co virtuoso DJ Mil, mestre dos pratos e referente imprescindible, para dar forma a un proxecto que funde o lume da creatividade co loop infinito da evolución constante.
Un manifesto contra “a aritmética fría do capital”
O tema de estrea, Rico de Sabor, preséntase como un manifesto do materialismo afectivo fronte á lóxica do capital, un retrato irónico e poético das contradicións do noso tempo. “Rico de Sabor, pero non teño un puto peso”, canta Jamas, nunha das frases que mellor condensa o espírito rebelde e lúcido da peza.
Sobre unha instrumental exquisita asinada por Møu, a voz de Jamas desprega unha interpretación que mestura ironía, precisión poética e contundencia emocional, mentres DJ Mil constrúe un universo de scratches e texturas que completan a narrativa sonora dun proxecto de gran personalidade.
