Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Santiago de Compostela

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza presenta en Casa RIA os resultados de seis anos de investigación e acción territorial

A exposición, aberta desde este xoves, recolle os avances dun proxecto pioneiro en xestión sostible do territorio financiado pola Unión Europea

Casa RIA, en Santiago de Compostela
Casa RIA, en Santiago de Compostela
Cedida

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza presentará esta semana en Casa RIA, en Santiago de Compostela, os resultados de seis anos de traballo en prol da xestión sostible e cooperativa do territorio. A mostra, que se inaugura este xoves 16 de outubro ás 18.00 horas, recolle a traxectoria dun proxecto pioneiro de investigación-acción e planificación territorial que, desde o 2024, conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

A exposición amosará o potencial das comunidades de montes veciñais do Barbanza para inspirar modelos de xestión sustentable, poñendo en valor a cooperación entre entidades locais, universidades e administracións públicas. Durante a inauguración, aberta ao público ata completar aforo, realizarase unha breve presentación acompañada dun vídeo explicativo do proxecto.

Un modelo de cooperación local para transformar o territorio

Creado en 2020 pola Fundación RIA, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela —a través do CISPAC e dos grupos de investigación Histagra e Uxafores—, o Laboratorio Ecosocial do Barbanza consolidouse como un referente na loita contra o abandono agrario, na prevención de incendios e na promoción do emprego verde.

O proxecto, recoñecido polo MITECO como unha das 39 iniciativas exemplares do PRTR entre máis de 1.000 candidaturas, combina investigación, planificación e acción práctica para fortalecer o vínculo entre coñecemento científico e experiencia comunitaria. A súa metodoloxía participativa e integral —ambiental, social e económica— busca repensar o desenvolvemento rural galego desde a base local, converténdose nun modelo replicable para outras zonas de Galicia e de Europa.

Exposición e actividades abertas ao público

Baixo o título “Laboratorio Ecosocial do Barbanza. Un laboratorio vivo para a xestión multifuncional e a custodia colectiva do territorio”, a exposición ofrecerá un percorrido polas principais fases e aprendizaxes do proxecto a través de paneis, mapas, imaxes e materiais audiovisuais. Poderá visitarse de luns a sábado, de 10.00 a 17.00 horas, ata o 24 de xaneiro de 2026.

A programación complétase cun ciclo de conversas e obradoiros que se celebrarán tanto en Casa RIA como nas comunidades do Barbanza, con temáticas que van desde a xestión comunitaria do territorio (23 de outubro) ata a formación no medio rural (15 de xaneiro). Tamén se abordarán o uso da madeira de proximidade na construción, a gandería rexenerativa e o papel das comunidades na transición enerxética.