O investigador da USC Santiago Galdo, novo presidente da Sociedade Española de Psicofisioloxía e Neurociencia Cognitiva e Afectiva
O nomeamento tivo lugar durante o XIV Congreso da SEPNECA, celebrado en Baeza, e supón un recoñecemento á súa traxectoria e compromiso coa excelencia científica

O investigador Santiago Galdo Álvarez, membro do grupo Neucoga-Aging e do Instituto Universitario de Investigación Psicolóxica (IPsiUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), foi nomeado novo presidente da Sociedade Española de Psicofisioloxía e Neurociencia Cognitiva e Afectiva (SEPNECA).
A designación produciuse durante o XIV Congreso da SEPNECA, que se celebrou a pasada semana en Baeza (Xaén) e que reuniu a centos de especialistas en psicoloxía, cognición, emoción e actividade cerebral de múltiples universidades e centros de investigación. Investigadoras e investigadores do IPsiUS participaron activamente no encontro, presentando comunicacións e contribuíndo ao intercambio científico.
Un referente en investigación e cooperación científica
A SEPNECA, creada nos anos noventa, é unha das sociedades científicas de referencia en España nos ámbitos da psicofisioloxía, a neurociencia cognitiva e a neurociencia afectiva. O seu obxectivo é promover a investigación, a formación e a cooperación interdisciplinar, así como favorecer o intercambio entre profesionais e centros de distintos países.
Baixo o liderado de Santiago Galdo, a entidade aspira a seguir fortalecendo esta comunidade científica e a potenciar a visibilidade internacional da investigación española en psicoloxía e neurociencias.
O nomeamento de Santiago Galdo Álvarez supón un recoñecemento á súa ampla traxectoria científica e ao seu compromiso coa excelencia investigadora e a colaboración entre disciplinas. Desde o IPsiUS, destacouse o seu papel como investigador de referencia e o seu labor na formación de novas xeracións de profesionais no campo da psicoloxía experimental e a neurociencia.