Os Bonos Corazón estarán dispoñibles a partir do próximo xoves
O Concello abre este luns o prazo para que os establecementos que o desexen poidan adherirse á campaña

Veñen de publicarse as bases da convocatoria dos Bonos Corazón Compostela 2025, de maneira que os establecementos comerciais e hostaleiros interesados en adherirse á campaña poderán facelo a partir do próximo luns, e os bonos estarán dispoñibles para a súa descarga desde o xoves, 16 de outubro.
O Concello, a través do departamento de Comercio, destina 300.000 euros a esta nova quenda do programa, que se suman aos 300.000 repartidos na convocatoria do mes de maio.
Segundo se recolle nas bases, os establecementos comerciais e hostaleiros poderanse adherir á campaña desde o próximo luns e durante o prazo dun mes. En canto á descarga dos Bonos Corazón, o prazo comezará o xoves, a partir das 9.30 horas, e ata que se esgote o crédito dispoñible. O prazo para gastar os bonos será dun mes, e transcorrido ese prazo os bonos non trocados caducarán.

Como en anteriores edicións anteriores, os bonos terán formato dixital a través dun código QR e estarán dispoñibles para a súa utilización na APP Wallet. O importe dos Bonos irase reducindo ata o seu esgotamento, e poderase utilizar nunha ou en varias compras.
Haberá unha única modalidade de bono cun valor de 50 euros, dos que o Concello achegará 20 euros e a persoa solicitante os 30 euros restantes. Cada persoa poderá solicitar e obter ata tres bonos. Tamén se establece un límite de gasto en cada establecemento, que será de 15.000 euros con cargo ao 40% dos Bonos Corazón que corre a cargo do Concello.
