Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Santiago de Compostela

As “Rutas de Autor” convidan a descubrir Santiago a través da memoria das persoas que o habitaron

O primeiro percorrido, os días 16 e 17 de outubro, seguirá a pegada de Federico García Lorca na cidade

Recorrido "Rutas de Autor"
As “Rutas de Autor” ofrecerán percorridos guiados por lugares emblemáticos de Santiago ligados a figuras e historias da cidade
Concello de Santiago

A rede de Centros Socioculturais pon en marcha unha nova edición das “Rutas de Autor”, dentro do programa de roteiros guiados “Revelando Compostela”. As primeiras saídas serán os próximos días 16 e 17 de outubro, e terán como obxectivo percorrer Santiago a través da figura de Federico García Lorca, que visitou a cidade ata en catro ocasións, a primeira nunha viaxe de estudos con só 18 anos, e as outras tres, en 1932, como director da compañía teatral La Barraca, como conferenciante e como poeta.

Nos días 21 e 27 de outubro, está previsto o roteiro “Aquí viviu, por aquí pasou”, inspirado no libro do mesmo título do xornalista Fernando Franjo, que se encargará de guiar un percorrido que fala das mulleres e homes que viviron en Compostela e deixaron a súa pegada na cidade. Franjo tamén se encargará de guiar o roteiro “O Santiago Proxectado”, que bebe da exposición do Consorcio que repasa os espazos que foron pensados para Santiago e que finalmente non chegaron a ser executados. Será os días 23 e 29 de outubro.

Todas as “Rutas de Autor” do mes de outubro terán a súa saída do centro sociocultural Maruxa e Coralia da cidade histórica, sempre ás 17.00 horas.

Para o mes de novembro están programadas tamén dúas visitas, os días 7 e 11, que teñen como obxectivo recuperar a memoria do antigo concello de Conxo, visitando diferentes lugares de interese e precorrendo os nomes vinculados ao municipio. A saída do roteiro será desde a Casa das Asociacións de Cornes, antiga estación de tren. A participación en todos os roteiros é de balde pero é preciso inscribirse previamente.

Revelando Compostela

As “Rutas e Autor” súmanse ás outras propostas do programa “Revelando Compostela”, pensadas para dar a coñecer entre a veciñanza a riqueza natural e patrimonial de Santiago. Dentro deste ciclo xa se realizaron dúas saídas, unha o pasado domingo desde a Grixoa, e outra hoxe mesmo, desde o centro sociocultural da Gracia.

O programa complétase cun roteiro en bicicleta, que terá lugar o 12 de outubro, polos montes da cidade, con saída desde o local sociocultural de Aríns e chegada ao local sociocultural da Casa Agraria.