A Tropa C enche Compostela de cultura, maxia e aprendizaxe para o público familiar
Cinco personaxes simbólicas dan vida a unha programación diversa e inclusiva que ofrece máis de trinta actividades de outubro a maio en distintos espazos da cidade

Compostela Cultura lanza A Tropa C, unha campaña e programación dirixida ao público familiar que converte a cidade nunha gran cosmos cultural cheo de emoción, aprendizaxe e diversión compartida, e que reforza o compromiso municipal coa cultura como dereito e coa rapazada como protagonista.
Cinco personaxes dan rostro, voz e personalidade á programación: Pili Po, unha polbiña curiosa e vital; Gael Po Alla, unha pinga viaxeira e empática; Octavia Altiora, unha estrela de oito puntas exploradora e soñadora; Lupa, unha loba valente, moderna e solidaria e Quercus de Conxo, un carballo sabio que representa a raíz e a memoria. Xuntas forman unha tribo diversa que celebra a amizade, o respecto e a cooperación, e que convida a descubrir nas diferenzas o maior valor.
A Tropa C busca ser, ao mesmo tempo, un selo e unha ferramenta de mediación cultural que o público familiar identifique facilmente a programación de Compostela Cultura e se sinta parte dela. Para iso, o universo da Tropa C espállase por toda a cidade e presenta diversas galaxias ou eixes culturais: A Tropa C no Patio de Butacas, A Tropa C na Casa, A Tropa C Por vez Primeira, A Tropa C no Ensino, e A Tropa C co Apego.
De outubro a maio, os tres primeiros eixes ofrecen xa máis dunha trintena de actividades, a prezos moi accesibles ou de balde, no Auditorio de Galicia, o Teatro Principal, a Casa das Máquinas, alén doutros espazos da cidade. Unha temporada estable dirixida á rapazada e á mocidade que reforza o compromiso coa formación de novos públicos, coa igualdade e co acceso universal á cultura.
Programación
A estrea da programación chega esta fin de semana con dúas propostas moi esperadas que inauguran o calendario: "Va de Bach", da recoñecida compañía Aracaladanza, erguerá o pano o sábado 11 de outubro ás 18.00 horas no Auditorio de Galicia para abrir ás portas a unha fantasía visual e coreográfica inspirada no universo de Johann Sebastian Bach. As entradas (3€) xa están dispoñibles na web de Compostela Cultura
O domingo, día 12 de outubro, a Casa das Maquinas converterase en centro da brincadeira cos "Xogos do Paporrubio", de 11.00 a 13.00 horas, unha proposta que convida a redescubrir o xogo tradicional e a cultura agraria a través de brinquedos animados e pequenas historias cheas de encanto, pensada para crianzas de entre 1 e 12 anos e totalmente de balde.
Dúas experiencias complementarias que marcan o ton do que será unha tempada chea de imaxinación, aprendizaxe e diversión en familia e na que toparemos espectáculos como "Rube" de Alodeyá, "Llar", da Compañía Federico Menini, "Berenguela na gaiola" do CDG, Galeatro e Xarope Tulú, "Nanuq" da Cía. Voël, "Farra" da Compañía Nacional de Teatro Clásico e a Compañía Lucas Escobedo, "Royal" de Paula Quintas e Arturo Cobas ou a "Gran Gala do Circo" de Pistacatro, ademais de concertos familiares da Real Filharmonía de Galicia e da Banda Municipal de Música de Santiago e múltiples sesións de xogos.
Na programación que se abre até maio conflúen programas e circuítos da contorna estatal como Platea e Circo a Escena, do INAEM, e conta co apoio da Deputación da Coruña e o Consorcio de Santiago alén da colaboración doutras entidades como o Centro Dramático Galego ou o Centro Dramático Nacional.