Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Santiago de Compostela

A musette e a frauta de pico protagonizan o segundo concerto do Festival Ateneo Barroco

O Teatro Principal acolle este venres Le Grand Ballet, unha viaxe polas danzas francesas que influíron na música ibérica dos séculos XVII e XVIII

O Ateneo de Santiago presenta o segundo concerto do VII Festival Ateneo Barroco: «Le Grand Ballet. Danzas francesas na España barroca», a cargo de Ars Atlántica
O Ateneo de Santiago presenta o segundo concerto do VII Festival Ateneo Barroco: «Le Grand Ballet. Danzas francesas na España barroca», a cargo de Ars Atlántica
Cedida

O Ateneo de Santiago celebra este venres 10 de outubro, ás 20.00 horas, no Teatro Principal, o segundo concerto do VII Festival Ateneo Barroco, titulado Le Grand Ballet. Danzas francesas na España barroca. A actuación estará a cargo do ensemble Ars Atlántica, integrado por Nadia Vázquez (musette), Anna Margules (frautas de pico), Calia Álvarez (viola da gamba) e Manuel Vilas (arpa de dúas ordes e dirección). As entradas poden adquirirse a través da páxina web do festival (festivalateneobarroco.gal).

O concerto, organizado en colaboración coa Quincena Musical de San Sebastián, propón unha inmersión na influencia francesa sobre a música barroca ibérica, especialmente visible na música instrumental e na danza cortesá.

Un diálogo entre España e Francia no Barroco

O programa inclúe danzas procedentes de fontes españolas dos séculos XVII e XVIII, nas que se deixan sentir os ecos de Jean Baptiste Lully, xunto a nomes cruciais do ámbito hispano como José de Torres e Antonio Martín y Coll, ademais de autores franceses como Boismortier e Hotteterre.

A proposta percorre os estilos máis representativos da época —do minueto á chacona, do branle ao rigaudon—, nunha sucesión de suites e divertimentos que reflicten o cosmopolitismo musical da Península durante o Barroco.

A musette, estrela dun concerto singular

Fundado en 2007 por Manuel Vilas, Ars Atlántica ofrece neste concerto un cadro tímbrico inusual, no que brilla a musette, un instrumento moi popular na Francia do século XVII pero hoxe pouco coñecido.

A ela súmanse a frauta de pico, a viola da gamba e a arpa de dúas ordes, símbolo da tradición musical hispana. Xuntas, estas sonoridades ofrecen unha lectura que combina erudición, recuperación histórica e emoción escénica, grazas á calidade interpretativa de catro músicos de referencia: Nadia Vázquez, recoñecida especialista internacional en musette; Anna Margules, referente da frauta de pico e da creación contemporánea; Calia Álvarez, catedrática e intérprete destacada en música antiga; e Manuel Vilas, arpista e investigador de primeiro nivel.