Sandra Garrido relata o asalto e detención da Flotilla Sumud Global rumbo a Gaza: "Non se pode parar"
A activista galega, acompañada do outro integrante galego Manuel López, explicou os detalles da interceptación insistindo en por o foco no que está a suceder en Palestina

Despois da súa liberación o pasado 6 de outubro e recente chegada a Santiago, a activista galega Sandra Garrido, integrante da Flotilla Sumud Global, recibiu á prensa na libraría Lila de Lilith para dar máis detalles sobre o acontecido durante a misión que pretendía chegar a Gaza.
Acompañada polo lucense Manuel López, quen foi outro dos integrantes da Flotilla, insistiu en que esta foi mandada porque a situación que se está a vivir en Palestina "non estaba importando". Non obstante, "isto non é sobre a flotilla, vai máis alá. É pola xustiza e os dereitos humanos".
Ante a concepción de que o "xenocidio en Palestina non parará" sen unha resposta por parte da sociedade civil, decidiron embarcarse nesta misión ata Gaza. Podería parecer que os esforzos foron en vano, pero Sandra Garrido destaca: "Agora hai unha proposta de acordo de paz. Falaz e proposta polos xenocidas. É un acordo que se forza por esta mobilización global e temos que conseguir que se cumpra".
É que, a pesar deste logro, piden "non baixar a garda" debido a que xa houbo acordos de paz con anterioridade que non foron cumpridos. "Non se pode parar. Que os sindicatos non desconvoquen. Estamos falando de alguén que minte", expresa Sandra.
Segundo Manuel López, non foron conscientes ata a súa chegada da mobilización se despertou nas rúas despois da interceptación por parte das forzas israelís. "Eu non quero ir a Gaza. Non teño ningún interese. Imos porque é a nosa obriga como representantes e por un deber humano e global", explica.
Interceptación da flotilla
As experiencias de cada un son distintas debido a que estaban en embarcacións diferentes. Sandra Garrido relata como no seu caso as forzas israelís "asaltan o barco, entran" e eles comezan a realizar un protocolo de seguridade. "Ofrecéronnos comida e bebida mentres nos sacaban fotos, pero estivemos 36 horas sen comer ni beber", asegura.
A pesar de todo, os integrantes da Flotilla eran conscientes de que "había interese porque non houbera accidentes" e tiñan a seguridade de "non ser palestinos, porque senón terían sido arrasados". Durante a entrada do exército no barco mantivéronse quietos xa que o mar non estaba en boas condicións e os integrantes das forzas armadas eran "xente moi nova e armada ata os dentes".
"Manexan a tortura como ninguén. Levan anos tendo un laboratorio de como levar ao límite á xente, ós corpos e ás cabezas", explica Sandra Garrido. Pola parte de Manuel López, asegura que estar dentro da "entidade sionista" foi algo positivo para ter unha "idea de como funcionan". Non obstante, engade: "Teño que traballar no perdón, é xente deshumanizada que mata todos os días".
A situación durante o tempo que estiveron retidos foi complicada a nivel físico e psicolóxico. A pesar de todo, insisten en que eles non son as vítimas: "Estábamos preparados para este escenario".
"Furor", o buque do Goberno
O Goberno español chegou a mandar un buque chamado Furor para protexer aos integrantes da Flotilla na súa misión. Non obstante, Sandra Garrido é rotunda ante isto: "Non chegamos a velo". Por parte de Manuel López, dende o veleiro onde viaxaba tentou entrar en contacto con esta fragata: "Nunca houbo resposta".
Incluso achegan unha anécdota relacionada co buque Furor, na que no momento no que o veleiro onde viaxaba Manuel López foi finalmente atrapado polas forzas israelís, o capitán deles lles asegurou que "non ía deixalos, a diferenza dos seus compañeiros españois e italianos, que deran media volta".
Aínda quedan detidos
A pesar do seu regreso, aínda quedan persoas retidas contra a súa vontade en Israel. Sandra Garrido destaca a Reyes Rigo, a única española que non foi liberada e que ademais está acusada de morder a unha enfermeira no cárcere. Acusación que, segundo eles, é completamente falsa.
