A Casa Xohana Torres ofrece en outubro sete actividades arredor dos coidados, a saúde e os feminismos
Obradoiros, charlas e encontros formativos abordarán temas como o ecofeminismo, a educación menstrual, as masculinidades dixitais ou a vivencia da menopausa

A Casa Xohana Torres mantén neste mes de outubro a súa actividade cunha programación diversa e participativa que combina obradoiros artísticos, encontros formativos e conversas arredor do coidado, a saúde, as tecnoloxías e os feminismos.
A programación deste mes conta con sete actividades gratuítas, de acceso con inscrición previa, que abordan temas tan variados como a memoria, o ecofeminismo, a educación menstrual, as masculinidades dixitais, o coidado do solo pelviano, a vivencia da menopausa ou o autocoñecemento.
Ademais das propostas impulsadas pola propia Casa, o calendario complétase con actividades organizadas por entidades e colectivos que colaboran co espazo, reforzando así o carácter comunitario e plural que caracteriza á Casa Xohana Torres.
Programación
A pesar de que a primeira actividade foi o martes pasado, a programación continúa este xoves 9 cun obradoiro sobre ecofeminismo no cotián, conducido pola traballadora social Marta Pernas, no que se explorará a conexión entre corpo, territorio e coidados a través da metáfora do micelio.
Tamén haberá espazo para a educación e a saúde. Bárbara Pernas (CromosomosX) facilitará o martes 14 un obradoiro sobre educación menstrual como dereito da infancia e da mocidade, dirixido a familias e profesorado, mentres que Almu F. Larrañaga, fisioterapeuta especialista en solo pelviano, dinamizará o martes 21 unha charla práctica sobre a súa importancia para a saúde e a calidade de vida.
Outros encontros estarán centrados en novas formas de socialización e pracer. O investigador Pablo Soto-Casás ofrecerá unha conversa sobre redes sociais, algoritmos e masculinidades o mércores 15 e María Torre impartirá o obradoiro “Menopausa desfrutona” o mércores 2.
A programación complétase o martes 28 cun obradoiro facilitado por Lucía Álvarez, responsable da atención psicolóxica do Servizo de asesoramento LGBTIQ+ da Casa Xohana Torres, que levará por título “E ti... Como te relacionas contigo?”. Neste encontro, as persoas participantes traballarán arredor do autocoñecemento, a aceptación e o autoamor como bases para establecer relacións máis saudables e de bo trato.