Sandra Garrido, a activista galega da Flotilla: "Había especial interese en que ningún de nós morrésemos aí"
A avogada coruñesa relata como viviu a retención polas forzas do Estado de Israel e a súa posterior deportación, insistindo en que "volvería facelo unha e mil veces máis"

Aínda en Madrid, ultimando os preparativos para coller o tren que a traerá de volta a Santiago este mércores ás 20.20 horas, Sandra Garrido fala con Diario de Compostela por teléfono tras vivir unha das experiencias máis intensas e difíciles da súa traxectoria como activista.
A avogada coruñesa afincada en Compostela formou parte da Global Sumud Flotilla, a expedición civil e humanitaria que pretendía romper o bloqueo imposto por Israel sobre Gaza e abrir un corredor de axuda humanitaria. O seu barco foi interceptado en augas internacionais, e ela —xunto con outras decenas de activistas de todo o mundo— detida e deportada tras pasar varios días nun cárcere israelí no deserto do Néguev.
Agora, de camiño á súa cidade, Garrido repasa o vivido: o abordaxe, a detención, a súa folga de fame como protesta e o regreso a España, mais tamén a necesidade de seguir denunciando o que define como “un crime contra a humanidade que o mundo non pode ignorar”.
Que sentimentos lle inspira pensar na experiencia que acaba de vivir?
Sinto que son parte dun cambio importante; unha representante do sentir de Galicia. Son parte dunha sociedade civil que leva moitos anos traballando na defensa dos dereitos palestinos. Eu non fun a título persoal, fun para representar á xente que en Galicia leva tanto tempo traballando neste tema. Creo que por fin estanse a poñer os ollos en Palestina. Desafortunadamente, tivemos que poñer os nosos corpos para que se vexa unha parte do que está a pasar alí. É terrible, pero estamos nun mundo no que unhas vidas valen máis que outras. Se os gobernos non fan o que teñen que facer, a sociedade civil organizada demostra que si que pode.
Cal é a súa relación con Palestina e por que se sumou a esta iniciativa?
Eu levo anos nos colectivos de apoio ao pobo palestino e a outras loitas de dereitos fundamentais de todo tipo. Cando levas toda a vida entendendo que para estar ben necesitas que o mundo estea ben e que as inxustizas de outros tamén son as túas inxustizas, a causa palestina é obrigatoria. Ademais, reúne todas as violencias coas que levo loitando desde sempre. Cando xurdiu a oportunidade de entregar o meu corpo a esta causa, nin o pensei.
No momento da abordaxe por parte das forzas israelís, que circunstancias recordas?
Estabamos preparadas. Tiñamos moi ben ensaiado como podería ser un ataque militar ou unha abordaxe para interceptarnos e secuestrarnos. Aínda que era unha situación para ter pánico, non houbo medo porque estabamos preparadas. Foi moi dura, iso si. Eramos 500 persoas e eles eran outros 500. Se ben notabamos que non había intención de disparar, sempre existe o risco de accidente, e como nos estiveron apuntando durante horas, foi un momento de moita tensión.
Varios deportados denunciaron tratos vexatorios, torturas psicolóxicas ou físicas e humillacións durante a custodia. Podes compartir o que viviches ti?
Tamén as vivín, por suposto, pero é irrelevante. Sabiamos que o ían facer, porque levan moitos anos ensaiando co pobo palestino. Eles saben moi ben como pegar sen deixar marcas, como facer que te desorientes no espazo, manter as persoas sen comer e sen beber durante horas... Ademais, finxían que eran xuíces cando eran policías. Era un descontrol absoluto. Nunca na miña vida estiven tan cansada.
Foi golpeada?
Fun golpeada, pero non teño marcas. Eles teñen todo estudado. En calquera caso, é irrelevante en comparación co que lle están a facer ao pobo palestino. Se a nós, que tiñamos todos os ollos enriba, puideron facernos isto, que non fan con Palestina.
Recibiu atención médica?
Limitadísima. Había xente con tratamentos oncolóxicos, por exemplo, que foron privados da súa medicación. Agora ben, cando alguén estaba nunha situación crítica, aparecía por aí algunha pastilla ou unha deportación, porque había especial interese en que ningún de nós morrésemos alí.
Como tomou a decisión de facer a folga de fame?
A decisión tomouse desde o barco. Puxémolo todo en común antes da abordaxe e decidimos que se pasaba algo, non íamos comer. Foi fácil, tamén cho digo, porque a comida que daban era noxenta e sospeitabamos que incluso podía estar envelenada. Tampouco tiñamos auga. Bebiamos da billa do baño, e a auga saía sucia. En última instancia, sabiamos que non nos ían matar, e foi algo que fixemos para forzar a saída dese sitio.
Como mantiveron a moral e a solidariedade nunha situación tan extrema?
A resistencia do pobo palestino foi a guía. Cada vez que nos facían algo, pensabamos: "que non lles farán a eles?". Aínda así, eles resisten. Nós non podemos queixarnos e temos que resistir.
Como se efectuou a deportación? Houbo presión para asinar documentos, recoñecementos ou declaracións antes de ser deportados?
Presión? A todas as horas. Viñan de madrugada a traer documentos dicíndoche que se asinabas podías saír. Logo, dicíanche que se non asinabamos todas, non saía ninguén. Había moita presión porque non querían que estivésemos aí; non querían todos os ollos en Gaza.
E moita xente segue aí.
Si, hai 150 persoas aínda retidas. Pero van saír, porque as nosas vidas valen máis que as das persoas palestinas. E xa o adianto: haberá unha nova Flotilla. Xa está todo preparado. Previsiblemente, aínda que non é seguro, sairá en abril. Non pararemos ata que isto pare. Así que, despois desa, haberá mil máis ata que a situación cambie.
Haberá unha nova Flotilla. Xa está todo preparado"
Unha das integrantes, Reyes Rigo, segue retida en Israel acusada de agredir a unha autoridade. Como valora a loita polo seu regreso? Puido coñecer información directa sobre a súa situación?
Supostamente, hoxe tiña un xuízo, pero con este Estado mentireiro e falaz nunca sabes que é verdade e que é mentira. Ao mellor a deportan xa, pero non se pode saber nada. Desexo que saquen xa, porque a agredida foi ela. Pediu un colchón e sacárona a golpes.

Como foi a chegada a España? Quen estivo alí e como viviu o apoio institucional e mediático recibido?
Si houbo apoio mediático, pero seguimos sendo máis importantes as persoas da Flotilla, pero máis importante é o que sucede alí. Non fomos para que a xente se preocupase por nós, senón polo que pasa en Palestina. A noticia non é esa; a noticia é que hai que parar a ese Estado. Do mesmo xeito, o apoio institucional ten que ser para as persoas que están sufrindo un xenocidio.
Pensan emprender algunha acción legal, xunto con outros compañeiros, contra o Estado israelí ou ante organismos internacionais?
Por suposto. Estamos a preparar a denuncia contra o Estado xenocida de Israel. Trataremos de que se sume o Estado español, xa que neste caso hai agresións aos propios cidadáns, que é terrible. Ademais, non ten sentido que un Estado só poida denunciar a outro se sucede isto, pero como é o caso, trataremos de que así sexa. Se perdemos Palestina, perdemos todo.
Estamos a preparar a denuncia contra o Estado xenocida de Israel"
A curto e medio prazo, cal é a súa axenda: activismo, acompañamento legal, sensibilización pública?
Chamar á folga xeral, e que pare o mundo. Queremos que isto se tome verdadeiramente en serio e que todo se pare ata que acabe o xenocidio.
Volvería a facelo?
Por suposto, unha e mil veces, inspirada pola resistencia do pobo palestino.
Que mensaxe lle gustaría que chegase á sociedade galega despois da túa experiencia?
Galicia ten unha mensaxe da que eu me sinto voceira, porque a nosa sociedade é reivindicativa. A sociedade civil organizada pode cambiar as cousas. Se poñemos o corpo e o noso privilexio para loitar contra as inxustizas, podemos facer que todo isto pare.









