A USC lidera o voluntariado universitario en España con case 5.000 estudantes implicados
O XIII Estudo sobre Voluntariado Universitario destaca o aumento do 56% na participación e o compromiso coa infancia e colectivos en risco de exclusión

A Universidade de Santiago de Compostela reforza o seu papel como referente do voluntariado universitario en España. No curso 2024-2025, un total de 4.917 estudantes participaron en proxectos solidarios, o que supón un incremento do 56% respecto ao ano anterior, segundo o XIII Estudo sobre Voluntariado Universitario impulsado pola Fundación Mutua Madrileña.
A maioría do alumnado participante pertence ás áreas de Ciencias Sociais e Xurídicas, e colaborou en 192 proxectos que se desenvolveron principalmente durante períodos de entre tres e seis meses. Estas iniciativas, todas realizadas en España, centraron os seus esforzos en apoio á infancia vulnerable e a colectivos en risco de exclusión social.
O estudo destaca tamén a intensa colaboración entre a USC e o tecido asociativo: o 95% dos proxectos leváronse a cabo xunto a entidades sociais, o que reforza o papel estratéxico das organizacións sen ánimo de lucro na implicación solidaria da mocidade universitaria.
A tendencia observada en Santiago reflíctese tamén no conxunto das universidades españolas, que consolidan o seu compromiso co cambio social. Durante o mesmo curso, seis de cada dez universidades aumentaron as súas accións solidarias, alcanzando un total de 2.900 iniciativas, das cales un 73% se realizaron en colaboración con ONG.
O informe, que contou coa participación de 42 universidades e 107 entidades sen ánimo de lucro, debuxa tamén o perfil do voluntariado universitario no país: o 75% son mulleres, adican entre dúas e catro horas semanais e participan motivadas tanto polo compromiso social como polo valor formativo e profesional que achegan estas experiencias.
