A USC acolle un seminario sobre a discriminación que sofren as mulleres maiores
A xornada reunirá persoal experto en dereito laboral e igualdade para analizar as causas, consecuencias e respostas xurídicas ante esta realidade

Persoal experto, fundamentalmente do eido do dereito laboral, xuntarase o 16 de outubro na USC no seminario "A discriminación padecida polas mulleres maiores: Reflexións tras a entrada en vigor da Lei 15/2022, de 12 de xullo, integral para a Igualdade de trato e a non discriminación".
O evento, a desenvolver en formato híbrido (presencial e en liña) na sala de xuntas da Facultade de Dereito, é de balde aberto a todo o público previa inscrición e enmárcase nas Axudas á investigación da USC para a realización de proxectos destinados ao desenvolvemento de medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para 2025.
Logo da inauguración ás 9.30 horas, os relatorios darán comezo coa delegada do reitor para a Igualdade da USC e profesora titular de Filosofía do Dereito Sonia Esperanza Rodríguez Boente, que intervirá con "As mulleres maiores vítimas de discriminación(es). Unha materia pendente". A continuación, tomará a palabra José Fernando Lousada Arochena, profesor da Universidade de A Coruña e maxistrado especialista na Orde Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), con "Muller e maior: discriminación interseccional".
A sesión continuará ás 12.30 horas co relatorio "A discriminación por asociación: unha visión xudicial" a cargo de Luis Fernando de Castro Mejuto, profesor da UDC e presidente da Sala do Social do TSXG e rematará ás 13.30 horas cun debate a modo de conclusións e a clausura do evento.
O seminario está dirixido polas profesoras de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da USC Consuelo Ferreiro Regueiro e Alicia Villalba Sánchez, sendo secretarias a profesora axudante Lara María Munín Sánchez e a investigadora María del Sagrario Cadenas Ruiz.








