A USC acende dúas novas Faíscas Culturais arredor da ficción e o pensamento crítico
As propostas “Laboratorio de ficcións especulativas” e “Matemáticas contra o fascismo” combinan arte, ciencia e reflexión política para implicar á comunidade universitaria

A USC acolle dúas novas labaradas de Faíscas Culturais que levan por título "Laboratorio de ficcións especulativas" e "Matemáticas contra o fascismo: a serie clopen", que buscan continuar acendendo a reflexión e espírito crítico do estudantado.
"Matemáticas contra o fascismo: a serie clopen"xira, nunha ocasión máis, arredor dunha produción do Centro Dramático Galego, en concreto A serie clopen. A través das matemáticas, a física e a historia contemporánea reflexionarase sobre o momento político actual: o auxe dos absolutismos, dos fascismos, o aumento da desigualdade ou o novo contexto bélico.
Nesta ocasión contarase coa participación das facultades de Xeografía e Historia, de Matemáticas e de Física. O acceso ás actividades é libre para a comunidade universitaria ata completar a capacidade dos espazos.
En canto a "Laboratorio de Ficcións Especulativas", tómase como punto de partida a exposición "Ficcións Especulativas", que botará a andar no Colexio de Fonseca o 16 de outubro e que se estenderá ata o 28 de febreiro de 2026. As diversas actividades buscan crear espazos de encontro entre a creación artística e o pensamento crítico arredor de formas alternativas de inventar, de xerar novos discursos e de construír coñecemento.
Esta Faísca formula unha viaxe polo territorio onde a ciencia, a ficción e o marabilloso se entrelazan. A exposición, que reúne o traballo de máis de doce artistas, parte da idea de que toda hipótese científica nace como unha ficción: unha ollada cara ao futuro ou un intento de ver máis alá.
