A Real Academia Galega de Ciencias homenaxea a Fernando Calvet i Prats e entrega as Medallas de Investigación 2025
O acto recoñeceu a traxectoria do iniciador da investigación química na USC e distinguiu cinco a investigadores galegos

No marco do Día da Ciencia en Galicia, celebrouse o acto de entrega de Medallas de Investigación da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e de homenaxe a Fernando Calvet i Prats, Científico Galego do Ano 2025, que foi realizado no Colexio Fonseca.
Calvet i Prats (Vilafranca del Penedès, Barcelona, 1903 - Barcelona, 1988) foi o introdutor da bioquímica moderna en España, modernizador da química orgánica en Galicia, iniciador da investigación química na USC nos anos 30 do pasado século e pioneiro na aplicación da química á industria. “Fernando Calvet i Prats foi quen de identificar as carencias substanciais que tiña a Universidade no seu momento —asegurou o reitor Antonio López—, para despois impulsar transformacións que foron cruciais no seu tempo".
O acto tivo lugar no Salón Nobre do Pazo de Fonseca coa entrega da Medalla Ánxeles Alvariño González, da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde, a Francisco J. Blanco García; a Medalla Isidro Parga Pondal, da sección de Ciencias Técnicas, a Juan María Pou Saracho; a medalla Domingo García-Sabell, da sección de Ciencias Económicas e Sociais, a Laura Carballo Piñeiro; a medalla Enrique Vidal Abascal, da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, a Nieves Rodríguez Brisaboa; e a Medalla Antonio Casares, da sección de Química e Xeoloxía, a Mª Carmen Veiga Barbazán.
Ademais, contouse coa presencia de distintas autoridades académicas e institucionais como Manuel Freire Rama, catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular da Universidade de Santiago de Compostela e académico da RAGC, quen foi o encargado de profundar na traxectoria do homenaxeado a través do relatorio "Unha semblanza da actividade científica de Fernando Calvet". Tamén se contou coa participación do presidente da RAGC e profesor da USC, Juan Lema; dos reitores da UDC e da UVigo, Ricardo Cao e Manuel Reigosa; e da directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo; así como coa asistencia da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o secretario xeral da Lingua, Valentín García e representantes de diversas institucións políticas, educativas, científicas, culturais e de investigación galegas.











