Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Santiago de Compostela

A USC entrega os premios á introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación

A décimo sexta edición distinguiu 22 traballos que promoven a igualdade desde o ámbito académico, coa colaboración do Concello de Santiago

premio-perspectiva-de-genero usc
As iniciativas recoñecidas promoven unha educación e unha ciencia con enfoque de xénero
Santi Alvite

As persoas gañadoras da XVI Edición dos premios á introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación, nos que colabora o Concello de Santiago de Compostela, recolleron este luns 6 os seus galardóns nun acto que tivo lugar no Salón Nobre do Colexio de Fonseca coa presenza do reitor Antonio López e da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.

Para López, este é un dos actos sinalados no devir da USC, en tanto “premiamos proxectos de valor e repercusión enorme, que pretenden ser un exemplo para que outros e outras poidan seguir avanzando en materia de igualdade”. No mesmo senso pronunciouse Sanmartín, para quen “traballar coa igualdade debe ser algo constante e por iso todo o que se faga dende o ámbito educativo, que abrangue moitos e diversos públicos, axuda a non quitar as gafas violeta”. Pola súa banda, a directora xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia, María Quintiana Pérez, destacou dos traballos premiados “o seu compromiso, consciencia e resiliencia, tan necesarios para continuar a dar pasos adiante”.

A delegada do reitor para a Igualdade, Sonia Esperanza Rodríguez Boente, foi quen leu a acta do veredicto desta edición dos premios, á que se presentaron vinte e dous traballos, oito na modalidade de docencia e catorce na modalidade de investigación, e que levan unha dotación económica de 1.000 euros para os primeiros, 750 para os segundos e 500 para os terceiros.

Gañadoras

O primeiro premio na modalidade de investigación gañouno Carmen Montero Ferrer polo traballo "Novos desenvolvementos no ámbito da xustiza internacional penal de xénero", e na de docencia Silvia López Gómez, Pablo Gayo Pérez e Jesús Rodríguez Rodríguez por "Educar con mirada de xénero: materiais didácticos que ensinan e transforman".

Ademais, na categoría de investigación Ana Álvarez Rodríguez fíxose co segundo premio polo seu traballo "Monografía Perspectiva de género y prueba Thomson Reuters Aranzadi, Cizur Menor (Navarra), 2024" e Mónica Arto Blanco, Tania Merelas Iglesias e Miguel Pardellas Santiago co terceiro por "CLIMACTIVA. Iniciativas ciudadanas ejemplares. Integrar la adaptación y la resiliencia ante los riesgos climáticos en estilos de vida".

Pola súa banda, na modalidade docente o segundo premio recaeu en Silvana Longueira Matos, Esther Olveira Olveira, Antonio Rodríguez Martínez, María González Blanco, Stefany Sanabria Fernandes e Marcos Pequeño Goris coa iniciativa "Defender a quen defende: mulleres defensoras de dereitos" e o terceiro na investigadora do CiTIUS Eva Cernadas García e Manuel Fernández Delgado con "Perspectiva de xénero en materias de programación básica".

O xurado estivo presidido por Sonia Esperanza Rodríguez Boente, delegada do reitor para a Igualdade, e composto ademais por Carmen Fernández Morante, directora do Instituto de Ciencias da Educación (ICE) que actuou como secretaria, e as vogais Yolanda Maneiro Vázquez e María Teresa Moure Pereiro.