Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Santiago de Compostela

O Proxecto ESTALMAT-Galicia inaugura en Santiago a súa 18ª promoción con 25 novos talentos matemáticos

O curso arranca cun acto na Facultade de Matemáticas que rematará nun campamento en Vilarmaior, no que o alumnado combinará retos lóxicos con actividades de convivencia

Facultad de Matemáticas
A Aula Magna da Facultade de Matemáticas acollerá a presentación da nova promoción de ESTALMAT-Galicia
Santi Alvite

O curso 2025-26 do Proxecto ESTALMAT-Galicia, que ten como obxectivo o estímulo do talento matemático, iníciase o sábado 4 ás 11.00 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas. A décimo oitava promoción confórmana 9 alumnas e 16 alumnos, que logo da apertura marcharán cara a un campamento matemático durante a fin de semana no Albergue de Ecoturismo Alvarella-Concello de Vilarmaior na Coruña.

A inauguración presídea a vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo Barrera, e nela participan tamén o decano da Facultade de Matemáticas, Alberto Cabada Fernández; a presidenta do Programa, a profesora Elena Vázquez Cendón; a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo Queijo; a deputada das áreas de Política Social, Educación e Mocidade da Deputación da Coruña, Mª del Mar García Vidal; e Carlos Vaquero Cervino, docente de matemáticas en secundaria no IES de Coruxo en representación do profesorado que motiva o alumnado a presentarse ás probas. A presentación da 18ª promoción correspóndelle á coordinadora das familias de ESTALMAT-Galicia, Mª Trinidad Pérez López, do IES Antón Fraguas.

No campamento ao que partirán despois do acto e no que permanecerán ata o domingo 5, manipularán omnipoliedros, construirán cúpulas de Leonardo, participarán nun concurso de fotografía matemática, farán puzles de matemáticas e matemáticos de Galicia, coñecerán a experiencia de estudantes que xa pasaron polo programa e tamén gozarán dun paseo lóxico-matemático a Torre dos Andrade. Alí estarán acompañados polos docentes do programa Mª Trinidad Pérez López, Gonzalo Castiñeira Veiga e Víctor Pollán Fernández, ademais de Álvaro Carros Viqueira, Tomás García Barreiro e Artur Vázquez Rego compoñentes da 9ª Promoción ESTALMAT-Galicia.

Orla da 18 promoción de Estalmat-Galicia
Orla da 18 promoción de Estalmat-Galicia
Estalmat

Miles de participantes

ESTALMAT-Galicia ten examinado a máis de 5.000 estudantes, dos que seleccionou 551 -146 estalmateiras e 305 estalmateiros- para incorporar ás súas actividades. Na proba deste ano, realizada o pasado mes de xuño, participaron un total de 125 estudantes de toda Galicia, 43 nenas e 82 nenos, sendo o reparto por provincias: 68 dá Coruña, 4 de Lugo, 17 de Ourense e 36 de Pontevedra. Da nova promoción que comeza o sábado, 14 pertencen a provincia da Coruña, 1 a de Ourense e 10 a de Pontevedra, representando a 13 Concellos de Galicia.