A SELIC 2025 abre en Compostela con dez días de literatura nas prazas e rúas da cidade
A feira do libro aposta pola comunidade lectora, a accesibilidade e a memoria cultural da Quintana, con roteiros, recitais, concertos e presentacións

A SELIC abriu as súas portas na súa edición 2025, dando paso a dez xornadas de conversas, concertos, recitais, obradoiros e paseos coa literatura, a lectura e o libro no centro. Este ano pon o foco na comunidade lectora e na socialización ao redor do libro. A
No acto de apertura, antes da intervención da poeta e editora Antía Otero, participou a alcaldesa, Goretti Sanmartín, quen asegurou que "esta SELIC de outono está tomando as prazas", en referencia á lectura previa que tivo lugar o pasado domingo no Obradoiro e aos 10 días en que as editoras e librarías exporán as súas novidades na carpa instalada na praza da Quintana.
O programa inclúe a presentación da obra gañadora do Premio Selic, que este ano é “Sarela” de Marga Tojo e que está prevista para o sábado 4 ás 13.00 horas, nunha conversa da autora con Quico Cadaval, e que presentará o editor Paco Macías. Neste apartado, tamén destacan os roteiros pola cidade que este ano percorrerán os camiños dos personaxes da obra Doentes, de Roberto Vidal Bolaño, da man de Teatro de Ningures; os camiños da Revolución de 1846 da man do filólogo e investigador Xurxo Martínez. Da man de Henrique Alvarellos percorrerase a Compostela de Lorca cando se fan os 90 anos da publicación dos Seis poemas galegos. Tamén haberá un percorrido pola Compostela de Wharton e Hemingway da man de Irmás Cartoné.
Propostas de proximidade para todas
A programación da SELIC 2025, que reúne voces tan diversas como Andrea Nunes Brións, Eli Ríos, Gemma Ruiz Palà, Teresa Moure, Faia Díaz, Eva Veiga ou Roberto Enríquez (Bob Pop) entre moitas outras, combina presentacións de libros, conversas literarias, concertos, obradoiros creativos e paseos temáticos.
Ademais, mantén o seu carácter próximo e accesible, con entrada libre a todas as actividades e posibilidade de inscrición o mesmo día para obradoiros e paseos. A programación inclúe propostas para todos os públicos, desde o máis novo ata o adulto, e combina diferentes xéneros e linguaxes artísticas: conversas, concertos, recitais, obradoiros e paseos para gozar de vagar, sen présas e coa proximidade que dá esa reunión anual no corazón da Compostela histórica.