Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Santiago de Compostela

Un cento de membros da comunidade internacional de física de partículas reuniranse en Santiago

O IGFAE acolle do 7 ao 10 de outubro a 52ª edición do "International Meeting on Fundamental Physics"

Instituto Galego de Física de Altas Enerxías
O IGFAE estréase como sede dun congreso internacional que reúne en Compostela expertos e expertas de referencia mundial.
USC

A sede do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, acolle do martes 7 ao venres 10 de outubro52ª edición do International Meeting on Fundamental Physics. Agárdase a presenza de arredor dun cento de membros da comunidade internacional de física de partículas, no que é o simposio da disciplina con máis longa tradición en España, desde a súa creación no ano 1973. É a terceira vez en medio século que Galicia acolle o encontro, logo das edicións de 1998 na illa da Toxa, e a de 2007, tamén en Santiago de Compostela.

A xuntanza chega nun momento clave para a disciplina, xa que actualmente se está a actualizar a Estratexia Europea de Física de Partículas (ESPP), que guiará o camiño para as próximas décadas. Deste xeito, o primeiro día do simposio en Santiago estará centrado nas conclusións da reunión sobre a ESPP celebrada no mes de xuño en Venecia, con acento no rol que nela xogará a comunidade científica española.

Durante as seguintes xornadas están previstas máis de 20 conferencias impartidas por persoal investigador procedente de institucións de diversos países, como Gran Bretaña, Alemaña, Francia, Portugal, Países Baixos, Suíza, Bélxica, Eslovenia, Italia ou Canadá, xunto a membros dos principais centros de investigación españois neste ámbito.

Cartel 52ª edición do ‘International Meeting on Fundamental Physics’
Detalle do cartaz da 52ª edición do ‘"nternational Meeting on Fundamental Physics"

“Trátase dunha estupenda oportunidade para situar ao noso instituto como elemento central na física de partículas en España”, destacan Paula Álvarez Cartelle e Xabier Cid, investigadores do IGFAE e coordinadores do comité organizador local, xunto a Jaime Álvarez, Néstor Armesto, Juan Calderón, Elena González e José Ángel Hernando, tamén membros do IGFAE.

“O alto nivel dos conferenciantes e o amplo conxunto de temas que abrangue a reunión fan deste congreso un dos eventos máis importantes que celebramos nos últimos anos desde o IGFAE. Temos, ademais, a ocasión especial de empregar por primeira vez a nova sede para organizar un evento destas características”, engaden Paula Álvarez e Xabier Cid.