O Congreso Nacional de Científicos Emprendedores reivindica que “se pode emprender en ciencia”
Investigadores, startups e inversores teñen a súa última cita o 3 de outubro na USC para impulsar proxectos

A novena edición do Congreso Nacional de Científicos Emprendedores, organizado pola Fundación Damián Rodríguez Olivares (DRO), a Fundación Botín e a Universidade de Santiago de Compostela, ten como propósito demostrar a persoal científico consolidado e estudantado galego e estatal que se pode emprender en ciencia a pesar das dificultades.
A apertura do evento tivo lugar na Escola Técnica Superior de Enxeñaría e nela participaron o catedrático Luis Otero, delegado do Reitor para Transferencia de Coñecemento da USC, a presidenta da Fundación DRO, Inmaculada Rodríguez, e a responsable da área de ciencia de Fundación Botín, Pepa Limeres.
O encontro reúne os días 2 e 3 de outubro persoal investigador, startups, inversores e axentes do ecosistema para “dar visibilidade e pór en valor as start-ups e spin-offs, ademais de animar os investigadores e investigadoras a dar o salto ao emprendemento”, segundo explicou Carlos Cosculluela, director da Fundación Damián Rodríguez Olivares (DRO), entidade dedicada á promoción do emprendemento científico e a transferencia de coñecemento en España.
Voces de referencia
O programa combina mesas redondas, presentacións, un obradoiro e oportunidades de networking para os actuais e futuros emprendedores e emprendedoras, cun forte acento no investimento deep tech e casos reais nacidos en Galicia, para contribuír non só a promover novas iniciativas con foco na ciencia, senón tamén acelerar aquelas xa existentes e en fase de crecemento.
O venres 3 a dinámica pon o foco directamente nas persoas emprendedoras. Iníciase a xornada coa conferencia "Da incerteza ao propósito: Ciencia e emprendemento nun mundo en convulsión", a cargo do catedrático da Universidade de Alacante e fundador de CELERA, Javier García Martínez, e seguiralle o Foro de inversión, onde 10 empresas presentarán ante un panel de inversores as súas solucións innovadoras coa fin de buscar e establecer sinerxías que os axuden a impulsarse. A continuación, na competición de proxectos DeepTech, 8 proxectos en fase temperá terán a oportunidade de defender as súas ideas ante un ecosistema de posibles fontes de financiamento, socios estratéxicos e perfís executivos que os apoiarán no seu salto ao mercado. A xornada rematará coa entrega de premios, que contará coa presenza da directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo.