Cultura resalta a proxección exterior da lingua con máis de 4.000 estudantes fóra de Galicia

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou onte que hai máis de 4.400 estudantes de galego fóra da comunidade, reiterando así o compromiso da Xunta “coa proxección exterior da lingua, fomentando a súa aprendizaxe e impulsando o seu uso noutras áreas territoriais, como ferramenta tamén para prestixiala”. Fíxoo durante unha visita ao Centro de Estudos Galegos a través do que se desenvolve o lectorado da Universidad de Barcelona, unha das institucións académicas que ofrecen clases do idioma máis alá de Galicia.
O conselleiro explicou que accións como esta están encamiñadas “tanto a manter a conexión cultural coas comunidades de galegos residentes no exterior, ben no resto de España ou noutros lugares como Europa ou América, como a oferecerlle a calquera outra persoa interesada a oportunidade de achegarse á nosa cultura e á nosa lingua”.
Neste senso, lembrou que actualmente o galego é obxecto de estudo en 41 universidades, nove delas en España, con 407 alumnos distribuidos entre Barcelona, Madrid, Vitoria, Bilbao, Alacante, Estremadura e Granada. Outros 1.000 estudantes están vencellados aos lectorados de 22 institucións de Europa, aos oito de América e aos dous creados na India e Mozambique.








