A Facultade de Políticas abre un espazo de reflexión en Santiago sobre o xenocidio en Gaza
O acto, con testemuño dunha estudante palestina e a proxección do documental premiado No other land, terá lugar o martes 7 no Salón de Graos

O xenocidio en Gaza centrará o martes 7 un acto organizado pola Facultade de Ciencias Políticas no que se debaterá e reflexionará desde unha perspectiva sociopolítica pero tamén se poderá coñecer de primeira man a realidade do pobo palestino. A actividade, organizada en colaboración coa Cátedra USC – Araguaney para o Diálogo entre Culturas, será ás 18.00 horas no Salón de Graos do centro.
Para iso, está prevista a participación de Marryvell Abu Nada, estudante palestina de primeiro curso de Ciencias Políticas, e da profesora de Relacións Internacionais da USC Carmen Montero Ferrer. Ambas as dúas serán presentadas pola decana da Facultade, Marta Lois.
Ademais, está prevista a proxección da cinta "No other land" gañadora en 2024 do Oscar á mellor longametraxe documental, que conta a historia de Basel Adra, xoven activista palestino de Cisjordania que loita desde a súa infancia contra a expulsión masiva da súa comunidade polas autoridades israelís e da súa relación con Yuval, un periodista israelí.








