O Día da Policía en Santiago recoñece o labor dos axentes con medallas ao mérito
O subdelegado do Goberno, Julio Abalde, subliñou a confianza cidadá na Policía Nacional e a importancia do seu labor de servizo

Santiago de Compostela acolleu este mércores a celebración do Día da Policía Nacional, un acto institucional organizado pola Comisaría de Santiago, dirixida por Nuria Palacios Ibán, e pola Unidade Adscrita á Comunidade Autónoma, encabezada por Jorge Rubal Pena. O evento contou coa presenza do subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices.
Durante o acto entregáronse medallas ao mérito policial a funcionarios da Policía Nacional de Santiago, da Unidade Adscrita e tamén a persoas alleas ao corpo. Unha mención especial recibírona os seis policías do Grupo Operativo de Actividade Subacuática, distinguidos polo seu traballo durante o operativo pola DANA en Valencia.
Reconecemento ao servizo e á vocación policial
No seu discurso, Abalde lembrou que, segundo a última enquisa da OCDE, a Policía Nacional é a institución que máis confianza esperta entre a cidadanía española. Atribuíu este recoñecemento á profesionalidade, entrega e capacidade de adaptación dos axentes.
O subdelegado felicitou de xeito expreso á Comisaría de Santiago polo seu índice de eficacia, “por enriba da media galega”, e eloxiou o liderado da comisaria Nuria Palacios Ibán, a quen cualificou como “un exemplo valioso para moitas nenas e mulleres que soñan cunha sociedade máis igualitaria”.
