Lorena Gascón e Tamara Pazos afondan no reto de divulgar sobre saúde mental entre a mocidade
As divulgadoras participarán nas xornadas “Saúde Mental e Mocidade” o 8 de outubro na Facultade de Psicoloxía

"Saúde Mental e Mocidade: coidar o presente para construír o futuro" é o nome das xornadas que terán lugar o 8 de outubro, de 16.00 a 20.00 horas, no salón de actos da Facultade de Piscoloxía de Santiago. Organizada por Saúde Mental FEAFES Galicia e a USC, búscase amosar a importancia do coidado da saúde mental entre as persoas máis novas.
Un dos puntos fortes destas xornadas será o conversatorio sobre divulgación científica da psicoloxía. Neste coloquio participará a psicóloga, escritora e divulgadora Lorena Gascón (@lapsicologajaputa en redes) xunto con Tamara Pazos (@putamen_t), tamén divulgadora e investigadora, sobre a responsabilidade e o compromiso que implica divulgar sobre saúde mental entre a xente moza.
Ambas divulgadoras terán a oportunidade de conversar sobre estilos de comunicación, boas e malas praxis na divulgación, o seu impacto, inquedanzas percibidas e, en definitiva, como empregar unha ferramenta como as redes sociais para facer chegar mensaxes de calado a unha poboación sobreexposta á información.

Promoción e prevención
As xornadas continuarán con dúas mesas redondas onde se darán a coñecer diversas accións que favorecen o coidado da saúde mental nos máis mozos. Así, a primeira mesa estará centrada na prevención e a promoción da saúde mental entre a xuventude. Contaremos coa participación de Patricia Gómez Salgado, profesora da USC, que falará do impacto da tecnoloxía na saúde mental e o benestar emocional da adolescencia. Así mesmo, Almudena Díaz Pereira, subdirectora xeral de Antención á Saúde Mental do SERGAS, dará a coñecer a prevención escolar universal do suicidio a través do programa YAM.
A segunda mesa versará sobre coidados 360º da saúde mental entre a mocidade. Yolanda Triñanes Pego, xefa do Servizo de Atención á Saúde Mental da Consellería de Sanidade, falará da avaliación e manexo clínico das autolesións na adolescencia. Pola súa banda, Ana López Durán, coordinadora da Unidade de Atención Psicolóxica da USC, explicará o traballo que realiza a Unidade de Antención Psicolóxica da USC. Álvaro Gómez Pérez, en representación da asociación DOA, contará a súa experiencia no programa de atención integral a persoas mozas con enfermidade mental e as súas familias. Finalmente, Natalia Ruíz de Cortázar, directora da asociación Experientia, explicará como desde esta asociación introduciron a terapia a través da aventura, un formato pioneiro en España.
Co obxectivo de sensibilizar á sociedade sobre coidar a sáude mental na etapa xuvenil, estas xornadas tamén buscan difundir e por en valor diversas accións en prol desta tanto a nivel científico como asistencial. O evento terá un carácter participativo, xa que pretende servir de foro de intercambio e dinamización entre o estudantado universitario, familias e profesionais de diversos ámbitos.
