Jeju Olle: un particular Camiño de Santiago en Corea do Sur
Suh Myeung-Sook, nativa da illa coreana de Jeju, realizou a ruta Xacobea no ano 2006 e cambioulle a vida. Iso motivouna a deseñar un sendeiro semellante no seu lugar de orixe

O Camiño de Santiago é un dos piares fundamentais da nosa cidade. Cada ano milleiros de peregrinos embárcanse por motivos diferentes nesta aventura que, ante todo, constitúe unha viaxe interior para aquel que o experimenta. Iso foi o que sentiu Suh Myeung-Sook, editora dunha revista de actualidade en Corea que pasou 36 días percorrendo a pé os 800 quilómetros do sendeiro.
Esta coreana chegou a Compostela no 2006 e durante o camiño aseverou experimentar “unha profunda curación física e emocional”, o que a impulsou a crear un percorrido semellante no seu lugar de nacemento: a illa de Jeju, en Corea do Sur. A illa de Jeju é recoñecida pola Unesco como Patrimonio Natural da Humanidade, Reserva da Biosfera e Xeoparque Mundial e goza dunha riqueza xeolóxica, ecolóxica e cultural impresionante.
Así, ao ano seguinte púxose mans á obra e deseñou unha ruta que hoxe percorre as impresionantes paisaxes da illa, acariciada polo mar, os Oreum (volcáns inactivos), prados, flores e árbores. Ao longo de 437 quilómetros divididos en 27 rutas, os camiñantes atravesan 135 aldeas locais a través de sendeiros ás veces sinuosos, dado que trataron de respectar o terreo orixinal.

A dez mil quilómetros
Malia que a distancia entre Compostela e a illa de Jeju supera os dez mil quilómetros, ambos sendeiros comparten a mesma filosofía: a curación, a cultura da peregrinación e o espírito comunitario. No ano 2022 a Fundación Jeju Olle firmou coa Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo o acordo ‘Sendeiros da Amizade’, grazas ao cal os camiñantes que percorran cando menos 100 quilómetros de cada camiño reciben un certificado e unha medalla conmemorativa.
Con este distintivo búscase celebrar a conexión entre dúas culturas. Desde setembro do 2022 ata maio de 2025 emitíronse 988 certificados desde Jeju, aínda que se se suman os emitidos en Santiago o número probablemente aumente moito máis.
Jung Mi é a secretaria de Jeju Olle. Logo de anos traballando na difusión do sendeiro puido corroborar as similitudes co de Santiago, entre as que destaca a parte social, xa que os camiñantes falan con descoñecidos e cos residentes locais durante o seu percorrido. Do mesmo xeito, sinala a vertente de fe de ambos os camiños: “se o Camiño de Santiago é un sendeiro que leva ao encontro con Deus, o sendeiro Olle de Jeju pode entenderse coma un camiño que permite atoparse primeiro cun mesmo antes de chegar ao divino”.
Se o Camiño de Santiago leva ao encontro con Deus, o Jeju Olle pode entenderse coma un camiño que permite atoparse primeiro cun mesmo antes de chegar ao divino
A maiores, ambos avogan polo fomento dunha viaxe lenta e respectuosa que valore a natureza e ás persoas, en liña cun turismo sostible. Por iso o Jeju Olle se vincula directamente co que alí coñecen coma o estilo de ‘Nolmyeong Schwimyeaong Georeumyeong’, que quere dicir camiñar, descansar e contemplar.

Ao igual que as persoas que realizan o Camiño de Santiago se denominan peregrinos, ás que camiñan polo Jeju Olle chámanse ollekún (올레꾼). Kún refírese a unha persoa que realiza unha actividade con paixón. Coa denominación ollekún preténdese designar a quen desfruta de camiñar e que a través do sendeiro Jeju Olle é quen de se atopar coa natureza, as aldeas e consigo mesmo.
Co paso dos anos hai cada vez máis persoas que se animan a percorrer o sendeiro Jeju Olle. Desde a Fundación estiman que cada ano chegan á illa arredor de 700.000 ollekún, e, desde o 2007, o número acumulado de camiñantes achégase aos 13 millóns. Como particularidade, moitos peregrinos que fixeron primeiro o Camiño de Santiago anímanse posteriormente a facer o Jeju Olle: “moitos viaxeiros que viñeron desde España comentan que descubriron un encanto moi distinto e único. Séntense especialmente atraídos pola natureza e cultura exclusivas de Jeju, e marabíllanse ao experimentar como cada ruta revela un rostro diferente e cambiante da illa”, explica Jung Mi.
Os ollekún séntense especialmente atraídos pola natureza e cultura exclusivas de Jeju, e marabíllanse ao experimentar como cada ruta revela un rostro diferente e cambiante da illa
As persoas que completan o sendeiro Jeju Olle reciben, como aquí se consegue a Compostela, un certificado oficial de finalización e unha medalla conmemorativa no Jeju Olle Tourist Center, e os seus nomes rexístranse no coñecido como ‘Salón da Fama’, accesible desde internet.

O ‘ganse’, símbolo do Jeju Olle
O ganse é o símbolo do Jeju Olle e inspírase nun cabalo nativo da illa, pequeno pero forte. Existe un dito en Corea que di: “cando nace unha persoa, mándaa a Seúl; cando nace un cabalo, mándao a Jeju’, o que salienta a importancia deste animal para a identidade de Jeju. O ganse quere representar “unha vida que avanza lentamente pero con constancia, en harmonía co ritmo da natureza”, indica Jung Mi.
Por iso Suh Myeung-Sook, a fundadora do Jeju Olle, adoptou o ganse como símbolo do sendeiro, co gallo de motivar aos ollekún a “recuperar a tranquilidade na vida, máis alá da velocidade”. Esa é a filosofía do Jeju Olle.

Co paso dos anos, o Jeju Olle foi medrando e hoxe xa non só fomenta o crecemento individual dos camiñantes, senón dunha comunidade en conxunto: “agora que máis de dez millón de persoas curaron corpo e mente camiñando lentamente por estes sendeiros, é hora de que camiñemos non só por un mesmo, senón por nós e connosco”.
Ante todo, desde a Fundación desexan un crecemento sostible que respecte o mantemento das rutas e no que se tezan redes de solidariedade nas que as persoas se coiden e compartan experiencias. Na actualidade continúan coas tarefas de difusión do sendeiro a través de plans de divulgación que tamén teñen presenza en Santiago. O proxecto ‘Delegación Jeju Olle en Santiago’ é un dos máis importantes, a través do cal persoas coreanas que teñen pensado percorrer o Camiño de Santiago presentan o Jeju Olle aos peregrinos que coñecen durante o seu traxecto: “cremos que a experiencia dos peregrinos non remata ao chegar a Santiago, senón que pode continuar e renovarse nun novo camiño: o sendeiro Jeju Olle”.
Coa súa propia filosofía e concepto, as persoas detrás da Fundación Jeju Olle confían firmemente en que o sendeiro “poderá manterse vivo e amado durante cen ou incluso mil anos, ao igual que o Camiño de Santiago perdurou por máis de 1200 anos”.








