A Facultade de Química acolle este mércores a proxección de Os fillos do sol, filme sobre Fernando Calvet, Científico Galego 2025
A sesión, organizada pola RAGC e a USC, incluirá un coloquio arredor da figura do modernizador da química en Galicia e pioneiro dos Laboratorios Zeltia

A Facultade de Química da USC acolle este mércores, 24 de setembro, ás 12.00 horas, a proxección da película Os fillos do sol, centrada na vida e traxectoria do químico Fernando Calvet i Prats (Vilafranca del Penedès, 1903 - Barcelona, 1988), recoñecido este ano pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) como Científico Galego 2025.
O filme repasa a biografía de Calvet, considerado o modernizador da química orgánica en Galicia e impulsor da investigación química na Universidade de Santiago nos anos 30, onde con só 26 anos se converteu no primeiro catedrático de Química Orgánica.
Dos laboratorios universitarios a Zeltia
A película tamén narra a súa participación, en 1939, no lanzamento dos Laboratorios Zeltia no Porriño, que dirixiu xunto a colaboradores como o médico compostelán Ramón Obella —co que fundara o grupo naturista “Os fillos do sol” que dá título ao filme— e os irmáns José e Antonio Fernández López, principais financiadores do proxecto.
O obxectivo de Zeltia era aproveitar a flora e os residuos orgánicos da zona para producir fármacos destinados a usos humanos, veterinarios e agrícolas, converténdose nun epicentro da ciencia aplicada nun contexto histórico adverso.
Coloquio posterior
Ademais da película, a sesión inclúe a proxección dun vídeo divulgativo elaborado pola RAGC sobre a figura de Calvet. Ao rematar, celébrase un coloquio no que interveñen o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Lema; o vicedecano da Facultade de Química, Pedro Rodríguez; e o doutor en Historia Contemporánea da USC, Ricardo Gurriarán.
