O consumo de tabaco concéntrase nos grupos máis desfavorecidos tras vinte anos de políticas de control
Un estudo coordinado pola USC constata avances na redución da exposición ao fume, pero alerta de fortes desigualdades sociais e territoriais no consumo

A monografía “20 años de aplicación de las medidas del Convenio Marco de la OMS para la prevención y control del tabaquismo en España” conclúe que as políticas implantadas nas dúas últimas décadas lograron avances significativos na redución da exposición ao fume ambiental e na desnormalización do consumo de tabaco, sobre todo tras a prohibición de fumar en lugares públicos e espazos de traballo.
Porén, o estudo tamén pon sobre a mesa importantes desigualdades: mentres os sectores máis favorecidos deixaron de fumar en maior medida, o consumo concentra agora con máis intensidade nos grupos sociais con menos recursos, con menor acceso a estratexias de prevención e apoio para o abandono.
20 anos de balance e novos retos
Este traballo foi elaborado polo grupo de tabaco da Sociedade Española de Epidemioloxía (SEE), coordinado pola profesora da USC Mónica Pérez Ríos, coa participación tamén de Julia Rey Brandariz, Agustín Montes e a doutoranda Carla Guerra Tort.
A monografía fai balance dos 20 anos de aplicación das medidas de prevención e control do tabaquismo en España e establece que a prevalencia de persoas fumadoras non se reduciu tan rápido como se esperaba e tampouco se observou un maior incremento do abandono do consumo a partir de 2005.
As desigualdades no consumo de tabaco tamén se reflicten no ámbito xeográfico. Dous estudos recentes analizaron as diferenzas rexionais nos patróns de consumo e de mortalidade en España, e mostran que as comunidades autónomas con menor PIB, como Estremadura e Andalucía, presentan historicamente unha maior prevalencia de consumo de tabaco e unha taxa de mortalidade atribuída ao consumo desta substancia máis alta na poboación masculina.
Logros e retos
A redución da exposición ao fume ambiental do tabaco, a desnormalización do seu consumo, o activismo científico e cidadán ou as estratexias como hospitais ou praias sen fume foron algúns dos logros destes últimos 20 anos. Fronte a eles, explican dende o equipo investigador, hai retos que abordar como incrementar o descenso na prevalencia, as desigualdades, a publicidade encuberta en redes sociais, a popularización de novos produtos ou a influencia da industria tabaqueira nas políticas públicas.










