
O uso de radioisótopos (átomos que emiten radiación) cambiou a forma de diagnosticar e tratar enfermidades como o cancro, permitindo ver órganos e tecidos por dentro e sendo empregados para determinadas terapias. O máis usado en medicina nuclear é o tecnecio-99, que se consegue a partir do molibdeno-99 (99Mo), xerado en reactores nucleares. Pero estes reactores son poucos e están quedando obsoletos, o que causa unha crise global de subministración. Neste contexto de incerteza, a investigación de Ángela Arnosa Prieto na USC ofrece unha alternativa prometedora: usar nanopartículas de molibdeno para producir tecnecio-99.
“A problemática do actual método de produción xorde dun cúmulo de desvantaxes. Por unha parte, a gran maioría dos reactores empregados foron construídos na mesma década e atópanse agora chegando ao fin da súa vida útil”, explica a investigadora. Por outra parte, o uso de uranio enriquecido como obxectivo durante o proceso atópase “moi restrinxido”. En concreto, o Tratado de Non Proliferación busca evitar o uso de materiais que poidan levar á produción de armas nucleares, o que implica un atranco para o actual modelo de produción. Neste contexto, emerxe como alternativa para a produción de 99Mo o uso de nanopartículas de molibdeno de pequeno tamaño, cuxa síntese presenta tamén un verdadeiro desafío. Arnosa Prieto logrou optimizar, no marco da súa tese de doutoramento, unha ruta de síntese para obter este tipo de nanopartículas coas características necesarias para a súa potencial aplicación na xeración de tecnecio-99 e crebar, deste xeito, coa dependencia dos reactores.
A relevancia dos resultados obtidos pola investigación xa motivou o interese dunha empresa belga especializada na produción do radioisótopo, que contactou co grupo de investigación do Instituto de Materiais da USC (iMATUS), no que se enmarca o traballo de Ángela Arnosa, para explorar unha posible colaboración. Dirixida por José Rivas e Yolanda Piñeiro, a tese obtivo a cualificación de sobresaliente cum laude. O tribunal estivo presidido por Jorge Mira Pérez, da USC, e completárono Socorro Castro García, da Universidade da Coruña, como secretaria, e Juan Gallo Páramo, do International Iberian Nanotechnology Laboratory (INL), como vogal.