Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Santiago de Compostela

Santiago suma 15 illas de compostaxe comunitaria coas tres novas incorporacións

Santiago ve como avanza o modelo de compostaxe, habendo xa 15 illas comunitarias activas despois das tres últimas instalacións: no campus sur, fronte á Facultade de Matemáticas; no parque de Xixón e na Almáciga (rúa do Pino). Desde que comezou o proxecto tratáronse preto de 66 toneladas de residuos orgánicos e producíronse máis de 20 toneladas de compost.

“Hoxe non vimos falar só de contedores”, sinalou o concelleiro de Sustentabilidade Ambiental e Servizos Básicos, Xesús Domínguez, “hoxe vimos falar de futuro, dunha cidade que se preocupa polo medio ambiente, que dá exemplo e que aposta pola sustentabilidade”. Domínguez quixo lembrar a importancia da compostaxe “que nos permite reducir a factura do lixo, aforrar custos de tratamento, e ao mesmo tempo xerar un recurso valioso: o compost. Do que antes era un residuo, agora facemos un recurso que volve á terra”.

15 illas de compostaxe comunitaria

A compostaxe, incidiu o edil de Servizos Básicos, “é unha das grandes liñas estratéxicas do noso goberno en materia de xestión de residuos”, onde se traballa en tres frontes: primeira, a compostaxe individual, con preto de 2000 familias de Compostela que xa contan cun composteiro na súa parcela; segunda, a compostaxe comunitaria; e terceira, a compostaxe industrial a través do colector marrón.

No que respecta á compostaxe comunitaria, coas tres últimas illas instaladas (fronte á Facultade de Matemáticas, no parque de Xixón e na rúa Pino), o concello de Santiago conta xa con 15. As localizacións poden consultarse neste mapa.

Unha familia pode producir unha media de 400 quilos de lixo orgánico nun ano, lixo “que pode converterse en abono para as hortas e os xardíns da nosa cidade”. Deste xeito, “unha bolsa de restos de comida, cascas de froita, poalla do café… iso que normalmente tiraríamos, pasa a un composteiro e convértese en compost, e ese compost despois vai parar ás hortas veciñais, aos parques e mesmo aos nosos xardíns”. Segundo sinalou Domínguez, “é a mellor definición de economía circular: o que sae das nosas cociñas pode volver en forma de vida ás nosas hortas e zonas verdes”.