Noia Harp Fest inicia a súa 12ª edición cun concerto exclusivo e unha foliada en homenaxe a Emilio Cao

A 12ª edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia comeza hoxe, mércores 30 de xullo, cunha xornada inaugural que inclúe un concerto exclusivo da galega Alba Barreiro, acompañada do frautista Fernando Raña, e unha grande foliada de benvida na praza do Curro, na que se renderá homenaxe ao músico Emilio Cao.
O Noia Harp Fest, único festival do noroeste peninsular dedicado integramente á arpa, celebrarase ata o 2 de agosto e contará con doce actuacións repartidas en sete escenarios emblemáticos da vila. Ademais, o 7 de agosto acollerá unha gala especial coa estrea mundial da obra Cuatro historias gallegas, gañadora do III Premio Internacional de Composición Portus Apostoli.
Un cartel internacional e diverso
Entre as artistas convidadas destacan Ana Crismán, referente mundial da arpa flamenca; Kevin Le Pennec, gañador do World Harp Competition 2024; e nomes como Bleuenn Le Friec con Uxía e Faia, Rebecca Hill & Charlie Stewart, Francesca Romana Di Nicola, Juliette Commeaux, Yofre Brito Rivera, Laia Blasco, Quico Comesaña, Noela Cotuna e o dúo galego D’Súpeto, que se presenta por vez primeira.
O festival tamén ofrecerá espazo para o talento máis novo, cun IV Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia, previsto para o xoves 31 no Liceo de Noia.
Estreas e homenaxes
A programación incluirá estreas mundiais, presentacións exclusivas e a recuperación de repertorio galego para arpa e frauta. A actuación de Alba Barreiro, ás 19.00 horas na Igrexa Museo Santa María A Nova, dará comezo ao festival cun programa que percorre obras galegas e internacionais.
Ás 21.00 horas, na praza do Curro, terá lugar a Foliada de benvida, na que o público poderá participar activamente ao ritmo da arpa tradicional. Como momento destacado, o mestre Rodrigo Romaní sairá do seu retiro para interpretar unha suite en homenaxe a Emilio Cao, pioneiro da arpa en Galicia.
Gala do Premio Portus Apostoli
A programación do festival prolongarase ata o 7 de agosto coa Gala de entrega do III Premio Portus Apostoli, que terá lugar no Teatro Coliseo Noela. Estrearase a obra Cuatro historias gallegas, composta por Federico Beilison, coa interpretación da Real Filharmonía de Galicia baixo a dirección de Sebastian Zinca, e coas arpistas Claudia Besné e Francesca Romana Di Nicola como solistas.
O programa completarase con pezas de Claude Debussy, Maurice Ravel e Folías Celtas, do uruguaio Gabriel Bussi, mención de honra do certame.
Sete escenarios e entrada libre
As actuacións desenvolveranse en espazos como a Praza do Tapal, o Teatro Coliseo Noela, o Liceo, a Praza do Curro, a Igrexa Museo Santa María A Nova, e a Igrexa e o Claustro de San Francisco. Todos os concertos, agás a gala do día 7, serán de balde, e ofrecerán unha experiencia musical única no corazón histórico de Noia.
O Noia Harp Fest está organizado por Nalgures Producións coa dirección da Asociación Noia Harp Fest, e conta co apoio institucional do Concello de Noia, a Xunta de Galicia a través dos Concertos do Xacobeo, Acción Cultural Española (AC/E) e a Deputación da Coruña.