Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Santiago de Compostela

Marta Lois toma posesión como decana da facultade de Políticas da USC

A profesora Marta Lois González tomou posesión este martes do seu cargo como decana da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais nun concorrido acto que presidiu o reitor Antonio López, quen lle agradeceu a asunción de responsabilidades en xestión, “peza fundamental para o funcionamento institucional e un acto de xenerosidade, clave da autonomía universitaria”.

Para a nova decana, que comezou o seu discurso con palabras de agarimo e recoñecemento para o seu antecesor no cargo, o profesor Ramón Bouzas, se a Facultade destacou en todo este tempo pola súa gran capacidade de adaptación aos cambios, “agora toca liderar eses cambios que teñen que ser transformadores e impulsados colectivamente, co estudantado,  o PDI e o persoal de administración e servizos”.

Para iso, formulou catro retos que se marca como obxectivos para a etapa de xestión que comeza.

Por unha banda, enfronta o reto de atraer, implicar e conectar o alumnado coa Facultade, para o que levará a cabo “accións innovadoras  de sensibilización sobre a importancia da ciencia política e a súa orientación profesional” vencellando a súa práctica “coa resolución de  retos da sociedade” e rachando “a gran desafección amosada pola cidadanía”, dixo. “En definitiva, cómpre reivindicar a política como  unha ferramenta fundamental e útil para levar a cabo os cambios e transformacións das sociedades”, manifestou.

Toma posesion decana de politicas marta loi 11
Público asistente á toma de poesión. Foto: Santi Alvite 

A reforma do Plan de estudos do Grao en Ciencia Política e da Administración e a aposta por unha maior mobilidade e internacionalización da Facultade a través dos programas Erasmus e Erasmus + foron outros dos retos que se marcou para a súa etapa á fronte do centro, na que estará acompañada dun equipo “plural, de integración de todas as áreas da facultade” formado por José Caamaño, de Economía Política, Amparo Novo, de Socioloxía, e Alba Alonso, de Ciencia Política.

O cuarto dos obxectivos ten que ver coa “procura da igualdade, a diversidade e o desenvolvemento sostible” diante das “crecentes  manifestacións de intolerancia, ataques ós dereitos das persoas  e o  cuestionamento da propia democracia  por parte dos  movementos reaccionarios actuais”. “Esta Facultade -dixo- síntese interpelada e por iso seguirá promovendo  a formación dun espírito crítico, científico, tolerante  e aberto á sociedade”.

Marta Lois

Doutora en Ciencia política e profesora do Departamento de Ciencia Política e Socioloxía, Marta Lois é membro da Rede Armela de investigación en igualdade, dereitos e Estado social. Participou en numerosos proxectos de investigación  e as súas publicacións están centradas  nas políticas públicas  de igualdade e na teoría política feminista e co coordinou importantes obras colectivas como Género y Política (2022) Tirant lo Blanch,  o Ciencia Política con perspectiva de género (2014) Akal,  esta última Premio Ángeles Durán de innovación científica.

Durante 2015 e 2019 foi concelleira do goberno local de Compostela Aberta en Santiago e os seguintes catro anos (2019- 2023) na oposición. En 2023 foi deputada do Congreso e voceira de Sumar.