Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Santiago de Compostela

A exposición “Traxes e cores de Galiza” de Castelao despídese do Colexio de Fonseca tras recibir 58.000 visitas

A mostra "Traxes e cores de Galiza. A identidade nacional na plástica de Castelao" chega á fin do seu periplo expositivo logo de case dous meses emprazada no Salón do Artesoado do Colexio de Fonseca. O último día para profundar na obra de Daniel Rodríguez Castelao na que aparece representada a indumentaria tradicional galega será este sábado, 30 de agosto, de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas.

As últimas visitas guiadas polo comisariado terán lugar o mesmo sábado 30, ás 11.00 e ás 12.15 horas. Para asistir é preciso solicitar praza no enderezo electrónico seteespadelas@gmail.com. Ademais, o catálogo en produción pode ser aínda reservado. Dende a súa inauguración a comezos de xullo, arredor de 58.000 persoas percorreron xa este proxecto expositivo.

“As ilustracións, cargadas de forza e sensibilidade, dialogan cunha impresionante recreación tridimensional”, explican os comisarios José Luis Rodríguez Álvarez e David Quiñones Vázquez. Trátase de 55 manequíns vestidos con réplicas “que non deixan escapar nin un pregue, nin unha puntada, formando unha procesión silenciosa de figuras que parecen agardar por nós para falarnos”, engaden. A mostra alberga 600 pezas, cosidas con paciencia e rigor histórico, acompañadas de ourivería antiga e obxectos etnográficos.

Memoria e identidade

O coidado no detalle e o rigor histórico das pezas, unidos á beleza e forza visual da posta en escena, están a provocar unha resposta “entusiasta” entre o público “que non deixa de abarrotar a sala e compartir a súa experiencia nas redes e nas conversas do verán compostelán”. En palabras de Rodríguez Álvarez e Quiñones Vázquez, “esta exposición é un xeito de recordar que a indumentaria tradicional non é só vestimenta, senón memoria, identidade e relación colectiva. Castelao, rianxeiro de nacemento e universal por destino, pintou estes traxes facendo deles un símbolo da nosa identidade”.