O Concello impulsa o emprendemento sostible en Compostela co novo programa “Faino en Santiago”

O Concello de Santiago, a través do departamento de Promoción Económica, vén de lanzar “Faino en Santiago”, un novo programa municipal orientado a fomentar o emprendemento sostible na cidade. A proposta, presentada pola concelleira María Rozas, ten como obxectivo construír unha economía máis próxima, xusta e respectuosa co medio, apoiando pequenas empresas que integren a sustentabilidade no seu modelo de negocio.

Formación, apoio e ferramentas para emprender con propósito
A iniciativa desenvólvese en colaboración coa cooperativa Falar a Mare, especializada no acompañamento de proxectos sostibles, e estrutúrase en tres liñas de traballo complementarias:
- Xornadas presenciais nos días 9, 10 e 11 de xullo no Edificio CERSIA Empresa, que funcionarán como espazo de encontro, formación e inspiración para persoas emprendedoras.
- Sesións grupais en liña, prácticas e interactivas, nas que se ofrecerá apoio para avanzar no deseño e consolidación do modelo de negocio.
- Acompañamento personalizado mediante titorías adaptadas a cada proxecto, que se desenvolverán entre o 12 de xullo e o 30 de outubro.
Ademais, as persoas participantes disporán de ferramentas dixitais específicas deseñadas para planificar, estruturar e facer seguimento real dos seus proxectos. O contido formativo dividirase en catro grandes áreas: modelo de negocio con propósito, estratexia empresarial, planificación financeira e comunicación.
O programa é totalmente gratuíto, e as persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición ata o 30 de xuño a través da web oficial: www.fainoensantiago.gal.