Compostela vibrará con sete citas de arte sonora e música experimental entre agosto e novembro

Compostela será o escenario da xornada "Paisaxes Liminais", que ven de ser presentada en rolda de prensa pola concelleira de Xuventude, María Rozas, e os membros da plataforma Códex, María Serrano e Iago Pedreira. Este evento se desenvolverá durante sete datas distintas entre o 23 de agosto e o 29 de novembro con actividades de balde ata completar aforo.
Esta primeira edición nace da necesidade de facer “unha programación enfocada á arte sonora, á música experimental e ás revisións das músicas tradicionais desde unha perspectiva social”, tal e como subliñou María Serrano. “A cultura, a tradición, a memoria e nosa relación co entorno son o verdadeiro constituínte dunha sociedade e a súa historia”.
María Rozas fixo fincapé neste aspecto social dun “proxecto innovador en Santiago, cultural, arredor da música experimental” pero que o fai centrado na “perspectiva social e tecendo redes entre distintos países” e realidades, dende Galicia a Palestina pasando por Francia, Líbano, Euskadi...e que ademais está pensado para un público diverso, que inclúe o infantil.
Programa completo
Sábado 23 de agosto en Caramoniña:
- Léa Roger (Bélxica): concerto de electroacústica e experimentación con arpa celta.
- Esperanza Natalia (Galicia): concerto de paisaxe sonora a través da zanfona.
Sábado 27 de setembro na Libraría Pedreira:
- Bint Mbareh (Palestina / Reino unido): concerto e conversa. A auga en Palestina, paralelismos entre as ondas da auga e as ondas sonoras.
Venres 10 de outubro no Centro Xove:
- Richard Hronský (Eslovaquia): concerto de fuxara, experimentación a través da paisaxe sonora tradicional eslovaca.
- Malafera (Galicia) Poesía sonora a catro voces musicalizado por Chago.
Sábado 25 de outubro no Centro Xove:
- Palestine Sound Archive (Palestina / Reino Unido): sesión en directo e conversa. Arquivo sonoro da Palestina, reivindicación e lugar de resistencia ao borrado colonial.
Sábado 15 de novembro na Libraría Pedreira:
- Lise Barkas (Francia): concerto de experimentación con zanfona e gaita.
- NU NO (Portugal): performance de poesía sonora, presentando o seu novo disco.
Sábado 29 de novembro no Centro Xove:
- Shakeeb Abu Hamdan (Líbano / Francia): concerto de percusión a través da arte sonora.
- Radio Hito (Vietnam / Bruselas): concerto de teclado e poesía sonora. Noela Covelo & Garazi Navas (Galicia, Euskadi) Experimentación con voz e acordeón.
- Irene Ivankovà (Galicia): concerto de presentación de novo proxecto, música ambiental con zanfona.