As cantareiras de Cantigas e Agarimos enchen a Alameda co patrimonio oral galego

O paseo da Ferradura da Alameda acolleu o día de onte a celebración do patrimonio oral galego a través da forza rítmica e emocional das voces e das mans das cantareiras de Cantigas e Agarimos baixo o marco de "Por que non cantades todas?" do Festival C.

Coincidindo co ano no que o Día das Letras Galegas se dedicou á poesía popular como base da nosa identidade cultural, as pandereteiras de esta agrupación achegaron un espectáculo que honrou a tradición que tantas veces chegou ata nós a través da voz anónima de centos de transmisoras: as cantareiras, encargadas de gardar a memoria colectiva dos versos da terra.
Formado por once mulleres, o grupo interpretou un repertorio tradicional recollido de todas as zonas de Galicia, empregando instrumentos populares como pandeiretas, pandeiros cadrados e redondos, latas ou cunchas. A súa proposta é, ao tempo, celebración e responsabilidade dando continuidade a unha cultura que define a un pobo e que foi transmitida de xeración en xeración grazas ao saber e creatividade das mulleres.