Vedra mellora a eficiencia enerxética da Escola Infantil e da Biblioteca-Ludoteca con apoio da Xunta
O investimento de preto de 60.000 euros permitiu substituír as antigas caldeiras de gasóleo por sistemas de aerotermia

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Vedra, Carlos Martínez, visitou hoxe o municipio para comprobar as actuacións executadas grazas ao apoio do Goberno galego, de preto de 60.000 euros, ao abeiro da liña de axudas do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local para concellos con poboación inferior a 15.000 habitantes.
Durante a visita, a representante do Executivo autonómico puxo en valor as actuacións que permitiron renovar os sistemas de calefacción da Biblioteca-Ludoteca e da Escola Infantil municipais mediante a substitución das antigas caldeiras de gasóleo por modernos sistemas de aerotermia, unha intervención que mellorou a eficiencia enerxética, reduciu as emisións contaminantes e incrementou o confort das persoas usuarias.
Belén do Campo explicou que a intervención permitiu substituír antigos equipos de calefacción, caracterizados polo seu elevado consumo enerxético e polos custos de mantemento derivados das frecuentes avarías, por un sistema de aerotermia máis eficiente, sostible e respectuoso co medio ambiente.
Ademais da redución das emisións de CO₂ á atmosfera, a renovación favoreceu un menor consumo enerxético e unha mellor regulación da temperatura nas instalacións.
“Falamos de espazos fundamentais para a vida diaria das familias de Vedra, onde se desenvolven actividades educativas e sociais que prestan servizo a centos de persoas de todas as idades. Por iso, resulta prioritario garantir que conten cunhas condicións óptimas de habitabilidade e confort, especialmente durante os meses de máis frío”, sinalou.
Neste sentido, destacou que a Escola Infantil Municipal dispón actualmente de 53 prazas para nenos e nenas de ata 3 anos, mentres que a Ludoteca e o Servizo Madrugadores atenden a 75 usuarios e usuarias. Pola súa banda, a Biblioteca Municipal conta con 409 persoas socias, das cales 66 son menores e 343 persoas adultas.
A representante autonómica incidiu en que estes servizos son imprescindibles para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar das veciñas e veciños do municipio.
“Garantir unhas instalacións modernas, eficientes e confortables é unha forma de apoiar ás familias e de reforzar a calidade dos servizos públicos que reciben”, apuntou.












