Quintana Martelo leva a Teo unha selección da súa obra dos últimos vinte anos
A exposición ‘Inside/Outside’ reúne pintura, escultura e papel no Auditorio Municipal da Ramallosa

O artista santiagués Manuel Quintana Martelo levará ao Auditorio Municipal da Ramallosa, en Teo, unha selección da súa obra realizada desde 2005. A mostra, titulada ‘Inside/Outside’, será inaugurada o vindeiro 4 de setembro ás 19.00 horas.
A exposición, promovida polo Concello de Teo, percorre diferentes etapas e técnicas da traxectoria de Quintana Martelo, con obras de pintura, escultura e papel, ademais de debuxos, acuarelas e técnicas mixtas.
O propio artista explica que o título da mostra nace do contraste entre o interior e o exterior. Por unha banda, aparecen os elementos do seu estudo, como os zapatos, a roupa de traballo, as pinturas, os botes, os pratos utilizados como paletas ou os pinceis. Pola outra, obras inspiradas en elementos alleos ao espazo de creación, como un mariñeiro de Poio, os contedores ou diferentes pezas urbanas.
A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, destaca a importancia de acoller a exposición dun artista ao que o municipio recoñeceu como fillo adoptivo. “É recibir na casa a quen fixo deste territorio o seu lugar de vida e creación”, sinala no catálogo da mostra.
A historiadora Pilar Corredoira tamén analiza no catálogo o eixe conceptual da mostra e o xogo entre o interior e o exterior. A autora destaca o contraste entre a dimensión da tea e a figura do artista xunto aos obxectos do seu estudo, establecendo así unha relación “entre o monumental e o cotián” e coa experiencia física do corpo ante a superficie pictórica.













