Álex Regueiro deixa a candidatura á Alcaldía de Teo para centrarse na cultura galega
O ata agora candidato de UCIN aposta por continuar o seu labor na investigación, divulgación e defensa do patrimonio cultural de Galicia

Álex Regueiro comunicou oficialmente a súa decisión de deixar a candidatura á Alcaldía de Teo por UCIN, unha decisión adoptada tras un proceso de reflexión persoal e coa convicción de que pode contribuír de forma máis útil á sociedade desde o ámbito no que leva décadas traballando: a investigación, a divulgación e a protección do patrimonio cultural.
Regueiro agradeceu a confianza depositada por UCIN durante esta etapa, así como o respecto recibido por parte dos compañeiros e compañeiras do partido e das persoas que lle trasladaron o seu apoio nos últimos meses.
Segundo explicou, a decisión non responde a ningún conflito nin discrepancia, senón á vontade de centrar os seus esforzos nun proxecto vital e profesional que nos últimos anos experimentou un importante crecemento e que ocupa unha parte fundamental da súa actividade.
“Creo que a política é moito máis ampla que a participación electoral. Tamén se fai política cando se defende a cultura, cando se preserva o patrimonio, cando se forma ás novas xeracións ou cando se contribúe a crear unha sociedade máis consciente da súa identidade”, sinala.
Nos vindeiros meses continuará desenvolvendo o seu labor como investigador, artesán, docente e divulgador da cultura galega, impulsando proxectos vinculados á indumentaria tradicional, á formación especializada e á difusión do patrimonio material e inmaterial de Galicia.
Mantén tamén o seu compromiso coa participación social, a defensa da diversidade e os dereitos das persoas LGTBI, así como con iniciativas orientadas a unha sociedade máis inclusiva e respectuosa coa súa historia.
Regueiro agradeceu igualmente as mostras de apoio recibidas da veciñanza de Teo, á que asegura que seguirá atendendo desde os espazos nos que participa habitualmente.
Con esta decisión péchase unha etapa política e ábrese outra centrada na cultura, o coñecemento e a divulgación como ferramentas de transformación social.













