Rois convoca unha nova edición do certame Lois Aldegunde de relato breve, poesía e debuxo
O concurso, aberto a participantes de todas as idades, premiará obras en galego inspiradas en elementos característicos do municipio

O Concello de Rois convoca unha nova edición do certame artístico e literario 'Lois Aldegunde. Relato breve e poesía. Rois 2026' unha iniciativa que forma parte da programación cultural Rois no camiño das Letras Galegas e que busca fomentar a creación literaria e artística en lingua galega entre persoas de todas as idades.
A convocatoria toma como referencia dúas datas especialmente significativas para a cultura e a literatura: o Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor, celebrado o 23 de abril, e o Día das Letras Galegas, que este ano homenaxea a Begoña Caamaño.
O certame leva o nome de Lois Aldegunde, docente de lingua galega no CPI Plurilingüe Os Dices durante máis dunha década e unha figura moi vencellada á promoción da lingua e da cultura galega no municipio. O seu labor traspasou as aulas, deixando pegada en moitas xeracións ás que transmitiu o amor pola nosa lingua e pola nosa identidade cultural.
O concurso está aberto á participación de todas as persoas interesadas, sen límite de idade, e establece tres modalidades: narrativa breve, poesía e debuxo. Os traballos deberán ser orixinais, inéditos e estar escritos integramente en galego. Ademais, as obras deberán incorporar algún elemento característico do Concello de Rois, requisito imprescindible para participar.
As categorías distribúense por idades, desde menores de 6 anos ata persoas adultas, co obxectivo de favorecer a participación interxeracional. No caso da primeira categoría e das persoas que non manexen a lectura e escritura, poderán presentar debuxos individuais ou colectivos en formato DIN A3.
Non se admitirán traballos creados total ou parcialmente mediante sistemas de intelixencia artificial, xeradores automáticos de texto ou imaxe ou outras ferramentas de creación automatizada.
O prazo de presentación das obras permanecerá aberto ata o 30 de novembro ás 14.00 horas. A entrega poderá realizarse preferiblemente por vía electrónica a través do correo inscricions@rois.gal, aínda que tamén se habilita a opción de presentación presencial ou por correo ordinario.
O xurado estará integrado por persoas vinculadas ao ámbito da cultura e da educación, coñecedoras da realidade municipal.
En cada modalidade concederanse dous premios por categoría: un primeiro premio dotado con 100 euros e un segundo premio de 50 euros. Ademais, todas as persoas participantes recibirán un diploma acreditativo.











