Padrón reivindica a diversidade e a igualdade na celebración do Orgullo LGTBIQ+
O Concello reuniu a decenas de persoas nunha xornada con actividades familiares, música e un manifesto en defensa dos dereitos e contra a discriminación

O Concello de Padrón conmemorou o Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+ cunha xornada festiva e reivindicativa que baixo o lema Padrón con Orgullo reuniu na praza de Macías a numerosas familias e veciñanza arredor dunha programación pensada para celebrar a diversidade e promover os valores da igualdade, o respecto e a liberdade.
O acto institucional estivo protagonizado pola lectura do manifesto a cargo da concelleira de Igualdade, Mariló Saco, que lembrou que esta data é tamén unha chamada á reflexión porque “os avances acadados en materia de dereitos e liberdades non poden darse por consolidados”. Continúan producíndose situacións de discriminación, acoso e violencia contra persoas pola súa orientación sexual, pola súa identidade ou pola súa expresión de xénero, asegurou a concelleira.
No manifesto tamén se puxo o foco no incremento dos delitos de odio rexistrados en Galicia durante o pasado ano e lembráronse as consecuencias da intolerancia.
Mariló Saco fixo referencia ao asasinato de Samuel Luiz como unha ferida que segue presente na memoria colectiva e que obriga ás institucións e á sociedade a non baixar a garda fronte ao odio e á discriminación.
O acto central contou tamén coa participación do alcalde, Anxo Arca, e de integrantes do goberno local. Durante a súa intervención, Mariló Saco trasladou a solidariedade do Concello de Padrón con todas as persoas que sufriron ou sofren rexeitamento, violencia ou exclusión por seren quen son e reafirmou a vontade do goberno municipal de seguir construíndo “un concello aberto, diverso e acolledor, no que todas as persoas poidan desenvolver o seu proxecto de vida en liberdade, con seguridade e con igualdade de oportunidades”.
Neste sentido, o Concello renovou publicamente o seu compromiso coa promoción do respecto, coa educación en valores democráticos e coa loita contra calquera forma de discriminación, defendendo que a diversidade enriquece a sociedade e que a igualdade constitúe un dereito irrenunciable.
A declaración institucional concluíu cunha mensaxe rotunda: “A liberdade non se negocia, a liberdade deféndese e a diversidade celébrase”, proclamando un ano máis un “Padrón con Orgullo”.
A programación comezou ás 11.00 horas co obradoiro Rostros con orgullo, unha actividade de maquillaxe libre e sen xéneros dirixida por Meiga-i na que participaron persoas de todas as idades. Posteriormente, Migallas Teatro representou o espectáculo familiar Elas pintan moito, unha proposta que achegou ao público referentes femininos e valores de igualdade a través das artes escénicas.
A celebración pechouse cun concerto de Broken Peach, que puxo o broche final a unha mañá marcada polo ambiente festivo, a participación cidadá e a defensa da diversidade como un dos piares fundamentais dunha sociedade máis xusta, libre e inclusiva.












