Padrón reúne a máis de 130 persoas no seu Día da Bicicleta
A iniciativa promoveu a práctica deportiva cun percorrido de 15 quilómetros e actividades para todas as idades

Máis de 130 persoas, desde bebés de poucos meses ata maiores de máis de oitenta anos, participaron este venres no Día da Bicicleta organizado polo Concello de Padrón, unha iniciativa destinada a fomentar os hábitos de vida saudables e o uso da bicicleta como medio de transporte sostible.
A programación arrancou cunha visita guiada ás instalacións do Club Ciclista Padronés Cortizo. Posteriormente, o paseo do Espolón acolleu unha xincana na que os máis pequenos puideron demostrar a súa habilidade sobre as dúas rodas.
Pouco antes do mediodía, o alcalde de Padrón, Anxo Arca, deu a saída a un pelotón formado por participantes de todas as idades para realizar un percorrido de 15 quilómetros por distintos puntos do municipio.
A marcha incluíu unha parada no paseo da Constitución, na zona recreativa da desembocadura do río Sar no Ulla, onde os asistentes puideron recuperar forzas antes de continuar a ruta.
A xornada rematou novamente no paseo do Espolón cun sorteo de agasallos entre todas as persoas participantes. Ademais, a concelleira de Turismo, Chus Campos, entregou un trofeo a Mario Alfonsín Castro, de 83 anos, como participante de maior idade que completou o percorrido.










