Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Padrón

Que facer en Padrón? | Estas son todas as súas actividades culturais durante o outono de 2025

O programa do Concello reúne compañías galegas, bandas locais e proxectos audiovisuais no Auditorio Municipal, cunha ampla oferta para todos os públicos

O venres 7 de novembro, a compañía Teatro MoRRAconto estreará Tromsø
O venres 7 de novembro, a compañía Teatro MoRRAconto estreará Tromsø
Cultura de Galicia

O Concello de Padrón presentou o seu Outono Cultural 2025, unha programación que se estenderá ata decembro e que converterá o Auditorio Municipal nun punto de encontro para a música, o teatro e o cine galego. Todas as actividades comezarán ás 19.00 horas, e o ciclo conta co apoio da Deputación da Coruña e coa inclusión na Rede Cultural.

A cita arrancou coa Mostra de Cine en Galego, que incluíu a proxección de Antes de Nós, A poeta analfabeta e A loita final, ademais de coloquios con creadores e sesións infantís.

Novembro: teatro, documental e música en directo

O venres 7 de novembro, a compañía Teatro MoRRAconto estreará Tromsø, nunha xornada especial na que se entregará o Premio Maruxa Villanueva 2024 á actriz Lidia Veiga, protagonista da obra.

O sábado 8, a Asociación Cultural Charamela subirá ao escenario con E parecía parvo!, mentres que o venres 14 será o turno do documental Prisciliano e a Gallaecia, que contará coa presenza do seu director, Aser Álvarez, e do arqueólogo Diego Piay nun coloquio posterior.

O sábado 15, a Banda de Música Municipal de Padrón ofrecerá o tradicional concerto de Santa Icía, e o venres 21, Teatro Malasombra presentará Testosterona, unha comedia sobre a desigualdade laboral.

Banda de Música Municipal de Padrón
Banda de Música Municipal de Padrón
Concello de Padrón

O sábado 22, o auditorio acollerá un concerto coral coa participación das corais polifónicas de Tomiño, Silleda e Padrón. O venres 28, Teatro aAntena representará Golpes, unha peza íntima sobre a violencia machista, e o sábado 29 actuará a Orquestra e Coro da Universidade de Santiago de Compostela.

Decembro: humor e tradición

O sábado 6 de decembro, Producións Excéntricas levará a escena Os dous de sempre, adaptación teatral da obra de Castelao, con interpretación do dúo cómico Mofa & Befa e dirección de Quico Cadaval.

O venres 12, proxectarase o documental Lévame a idea, unha homenaxe ás mulleres creadoras e divulgadoras da música tradicional galega, mentres que o sábado 13 pechará o ciclo a Asociación Teatral O Aturuxo de Melpómene coa comedia musical A pena do cu do mundo, escrita e dirixida por Leandro Lamas.

Con esta programación, o Concello de Padrón reafirma o seu compromiso coa cultura como motor de cohesión social e posta en valor da identidade local, apostando pola lingua galega, a creación escénica e a música como espazos de encontro entre xeracións.