O Pino pasará a facturar a auga cada dous meses e suspende a taxa de sumidoiros con efectos retroactivos
O pleno aproba cambios na ordenanza da auga, a cesión dunha parcela para vivenda pública e a delegación de sancións de tráfico na Xefatura Provincial

O Pleno do Concello do Pino aprobou por unanimidade a modificación da ordenanza da auga, que introduce o cobro bimensual dos recibos e ratifica a suspensión da taxa de saneamento e sumidoiros con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro deste ano.
Segundo explicou o goberno local, a medida permitirá unha mellor detección de incidencias no consumo e unha xestión máis eficiente por parte das persoas usuarias. A suspensión da taxa manterase mentres se completa o estudo de custos reais do servizo, que será asumido de forma provisional polas arcas municipais.
Mellora da ponte dos Mogos
O pleno tamén aprobou un convenio co Concello de Touro para solicitar unha axuda de 50.000 euros á Xunta para a mellora da ponte dos Mogos, cun orzamento total de 62.500 euros, así como a cesión dunha parcela en Arca ao Instituto Galego da Vivenda e Solo para a construción de vivenda protexida.
Finalmente, quedou ratificada a Conta Xeral de 2025, que pechou con un remanente positivo de tesourería de 1,86 millóns de euros.











