O Concello do Pino presenta a programación do 8M centrada na igualdade e a prevención da violencia
As actividades abranguen dende contacontos e obradoiros coeducativos ata teatro e espazos de información para toda a cidadanía

O Concello do Pino presenta a programación oficial para conmemorar o 8M, Día Internacional da Muller, combinando a visibilidade institucional coa formación de base. O obxectivo do goberno local é promover a igualdade, reforzar a prevención da violencia de xénero e fomentar valores de respecto e coeducación entre a veciñanza, especialmente entre a mocidade.
Ao coincidir o 8M en domingo, o Concello concentrará os seus actos institucionais o venres. Esa xornada será o punto de partida dunha campaña que chegará a todos os recunchos do municipio a través de cartelería e folletos informativos que se distribuirán en edificios públicos, centros educativos e establecementos comerciais.
Unha das pezas centrais da xornada foi a instalación dun Espazo Informativo e Preventivo na entrada do centro educativo. Este espazo, atendido por persoal especializado, non foi unicamente un lugar de recollidade materiais, senón un punto de referencia para a cidadanía onde se ofreceu: información clara sobre dereitos das mulleres e recursos locais e autonómicos; identificación de sinais de alerta en materia de violencia machista; e atención confidencial, respectuosa e non invasiva.
A educación como motor de cambio
O Concello do Pino entende que a igualdade real constrúese nas aulas. Por iso, durante todo o mes de marzo, desenvolverase unha programación coeducativa adaptada a cada nivel madurativo.
Así, en Educación Infantil traballarase a través do xogo e contacontos como 'Nin un biquiñoa forza', ademais da creación dun mural colectivo baixo o lema 'Todas e todos somos iguais'. Tamén está incluído o obradoiro 'Camiñando cara á igualdade', no que os nenos e nenas colorearán pegadas de pés que se colgarán no árbore da Casa da Cultura, promovendo valores de igualdade e cooperación.
En Educación Primaria afondarase no recoñecemento das desigualdades, na identificaciónde estereotipos de xénero e na promoción do bo trato entre iguais. Para iso desenvolverase o obradoiros Igualdade no día a día, dinámicas participativas con xogos de clasificación e reflexión sobre o que ‘poden’ ou ‘deben’ facer nenos e nenas e o visionado de curtas e vídeos educativos, seguidos dun diálogo guiado para favorecer o pensamento crítico.
As actividades subirán de intensidade entre o alumnado de Educación Secundaria (ESO). Nestes cursos abordarase sobre todo a prevención da violencia nas redes sociais, o control dixital, a desmontaxe dos mitos do amor romántico e a promoción de masculinidades positivas’ por medio de talleres e espazos de diálogo.








