A Xunta e o Concello do O Pino supervisan a nova ponte de Domés financiada polo PIR 2025
A actuación, cun investimento de máis de 120.000 euros, mellora a seguridade viaria e a capacidade hidráulica nun camiño municipal sobre o río Noa

A delegada da Xunta da Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde do Pino, Manuel Taboada, visitou a actuación a obra da nova ponte en Domés sobre o río Noa realizada co apoio da Xunta a través do PIR (Plande Infraestruturas Rurais do 2025) da Xunta.
A intervención consistiu na substitución dunha obra de drenaxe situada nun camiño municipal ao sur de Domés, que presentaba importantes deficiencias. A infraestrutura existente tiña capacidade insuficiente en épocas de enchente, o que provocaba asolagamentos nos terreos adxacentes. Ademais, o seu reducido ancho dificultaba o paso de vehículos e impedía o cruzamento entre eles, afectando á seguridade viaria e á funcionalidade da vía.
A nova estrutura executada conta cunha lonxitude de 3 metros, un ancho total de 2,5 metros e unha altura de 2,5 metros, mellorando de xeito significativo a capacidade hidráulica e as condicións de circulación neste punto.
O investimento total da actuación ascende a máis de 120.000 euros. Belén do Campo subliñou que co obxectivo da intervención foi “mellorar as comunicacións, reforzar a seguridade e dar resposta ás necesidades dos concellos do rural”.
Durante a visita, a delegada destacou a importancia deste tipo de actuacións para garantir infraestruturas máis seguras e adaptadas ás condicións climáticas actuais, ao tempo que reafirmou o compromiso da Xunta coa mellora continua das dotacións e servizos nos municipios da provincia.








