O Pico Sacro recuperará este domingo a tradicional Cerimonia do Lume Sagrado
A recreación dun antigo ritual celta permitirá obter simbolicamente o lume do solsticio e recoller a chama para as fogueiras de San Xoán

O Pico Sacro volverá converterse este domingo, 21 de xuño, no escenario da tradicional Cerimonia do Lume Sagrado, unha celebración inspirada nas antigas tradicións celtas que terá lugar ás 13.00 horas no emblemático enclave de Boqueixón.
A actividade recreará de forma simbólica a obtención do lume directamente do Sol durante o solsticio de verán.
A cerimonia correrá a cargo da Asociación Cultural O Castro da Fervenza, da Estrada, cuxos integrantes darán vida á raíña Alda e ao seu séquito nun ritual que combina historia, simbolismo e tradición.
Durante o acto, o druída da comitiva empregará unha lente para concentrar os raios solares e prender un pebeteiro con fibras naturais, mentres se realiza a lectura da alegoría do lume purificador.
Unha vez acendida a chama, as persoas asistentes poderán levar o lume sagrado para prender as súas fogueiras da noite de San Xoán, para o que deberán acudir cunha candea ou farol.
Ademais, o Concello de Boqueixón ofrece a posibilidade de participar activamente na celebración formando parte do séquito da raíña Alda. As persoas interesadas poden solicitar un dos traxes de época dispoñibles ata este venres a través do Departamento de Formación, Emprego e Turismo.












