Cinco expertos ofrecerán unha visión interdisciplinar do Pico Sacro na sétima edición do ciclo “Un mes e Pico”
O encontro celebrarase este sábado en Boqueixón e presentará os últimos achádegos arqueolóxicos atopados no monte Ilicino

O centro de interpretación do Pico Sacro, en Cachosenande (Lestedo, Boqueixón), acollerá este sábado 18 de outubro, de 10:00 a 14:00 horas, a sétima edición do ciclo “Un mes e Pico”, unha iniciativa do Concello de Boqueixón que busca poñer en valor o monte Ilicino e impulsar a súa candidatura como Ben de Interese Cultural (BIC).
Tras seis edicións centradas en temáticas específicas —como a cultura xacobea, a literatura, a arqueoloxía ou a xeoloxía—, o encontro deste ano ofrecerá unha visión interdisciplinar a través das conferencias de cinco prestixiosos investigadores: Antonio César González García, César Parcero Oubiña, David Fernández Abella, Cristina Sánchez-Carretero e Felipe Criado-Boado.
A participación será de balde, aínda que con prazas limitadas, polo que é necesario inscribirse previamente en boqueixonturismo@gmail.com ou chamando ao 981 513 061.
Unha xornada de ciencia e patrimonio
O ciclo será inaugurado ás 10:00 horas polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, quen dará paso a cinco relatorios e unha mesa de debate final.
Antes da pausa para o café, David Fernández Abella, arqueólogo e licenciado en Historia pola USC, presentará “A última vida do Pico Sacro”, onde dará a coñecer os achádegos arqueolóxicos localizados neste verán de 2025.
A sesión continuará ás 12:30 horas coa intervención de Cristina Sánchez-Carretero, antropóloga e vicedirectora do INCIPIT-CSIC, que exporá a charla “Como podemos coidar do Pico Sacro? Metodoloxías de salvagarda baseadas no acordo social”, centrada na protección do conxunto simbólico do Pico como patrimonio colectivo.
Finalmente, Felipe Criado-Boado, director do Instituto de Ciencias do Patrimonio e investigador do CSIC, pechará a mañá con “A resignificación das montañas sagradas”, unha reflexión sobre o papel das montañas sacras na memoria cultural e o seu valor simbólico na Europa actual.
O ciclo “Un mes e Pico” rematará cun debate aberto entre público e ponentes, consolidándose como unha das citas de referencia na divulgación do patrimonio galego e na defensa do Pico Sacro como símbolo identitario e histórico de Galicia.