A filloa de Lestedo protagoniza un obradoiro inclusivo con maiores de Vedra e Boqueixón
O GDR Terras de Compostela impulsa unha actividade gastronómica con showcooking e degustación no marco da súa campaña turística

As persoas usuarias da Aula de Estimulación Cognitiva de Agadea Alzheimer en Vedra e do Programa de Prevención da Dependencia de Boqueixón participaron este venres, 26 de setembro, nun obradoiro gastronómico en torno á filloa de Lestedo, impulsado polo GDR Terras de Compostela no centro sociocultural da parroquia.
Cociñar, aprender e compartir
O encontro permitiu aos asistentes elaborar filloas en directo e gozar dun showcooking do cociñeiro José Manuel Mallón, que amosou distintas receitas baseadas nesta especialidade local. A actividade, de carácter inclusivo, buscou promover a tradición culinaria e ao mesmo tempo favorecer a participación activa das persoas maiores.
O acto culminou cunha degustación dun menú completo de filloas que incluíu:
- Filloas con salteado de cabaciña e gambas
- Canelóns de filloa recheos de Ternera Gallega
- Filloas flambeadas con augardente de herbas de Ulloa e laranxa
Apoio institucional e cultural
Acompañaron os participantes o presidente da Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, José Manuel Canabal; a coordinadora do Programa de Prevención da Dependencia de Boqueixón, María Pereira; e a coordinadora dos Servizos de Estimulación Cognitiva de Agadea Alzheimer, Lucía Fandiño.
O GDR Terras de Compostela destacou que esta iniciativa se enmarca na súa campaña de dinamización turística Terras de Santiago: máis alá de Compostela, co obxectivo de promover a filloa de Lestedo, cuxa exaltación está recoñecida como Festa de Interese Turístico Nacional.
