Fran Sieira leva a Ames o espectáculo de danza ‘BenQuerer’, acompañado pola música de Caamaño&Ameixeiras
A función será este venres 6 de novembro, ás 20.30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. A peza aborda o autocoidado emocional, o amor propio e a importancia de aprender a poñer límites

A compañía de danza de Fran Sieira chega este venres ao concello de Ames para representar o seu último traballo BenQuerer, un espectáculo íntimo que pon o foco na importancia do autocoidado emocional e no amor propio nun mundo que cada vez máis máis rápido e é máis esixente.
Dentro da programación de outono do Ames Cultural, o espectáculo de danza terá lugar o venres 6 de novembro ás 20.30 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. As entradas xa están a venta.
A compañía, que botou a andar no ano 2017, pretende, basea o seu traballo nunha reinterpretación contemporánea do folclore galego. Deste xeito, estuda o movemento a través da danza tradicional e emprégaa como o seu medio de expresión, creando unha linguaxe de movemento vangardista, pero que ao tempo non esquece as raíces galegas e reflicte a nosa herdanza. Os espectáculos de Fran Sieira adoitan xirar en torno a achegar ao público proxectos artísticos cunha misión social para concienciar socialmente sobre determinadas cuestións.
BenQuerer
Benquerer, querer ben ou quererse ben son algúns dos termos nos que afonda o novo espectáculo do bailador Fran Siera, un só de danza acompañado en directo polo dúo galego Caamaño&Ameixeiras, que está subvencionado pola Rede Cultural da Deputación da Coruña. BenQuerer é unha peza íntima e emocional que conecta co cotiá, co día a día, e cos nosos procesos de adaptación ante os cambios. Reflexiona sobre como en ocasións asumimos máis do que, quizais, nos pertence. Non fala da felicidade permanente, nin de estar sempre ben: fala de aceptar os momentos nos que o corpo di basta, de coidarse e de aprender a poñer límites.












