As Maianas protagonizan este xoves a terceira cita dos Seráns de Ames
A programación de agosto continuará o día 27 na praia fluvial de Tapia con contacontos, xogos populares, teatro e música tradicional

O lugar de Cruxeiras acollerá este xoves, 13 de agosto, ás 21.00 horas, a terceira xornada dos Seráns de Ames 2026, que terá como protagonistas a As Maianas, recentemente galardoadas coa medalla do Concello de Ames pola súa traxectoria na música tradicional.
A actuación das cantareiras e pandeireteiras amesás forma parte dun programa que leva a cultura e o ocio a diferentes parroquias do rural do municipio durante os meses de xullo e agosto.
Os Seráns de Ames pecharán a súa programación o xoves 27 de agosto, ás 19.00 horas, na praia fluvial de Tapia. A última xornada contará con contacontos, xogos populares, teatro e música tradicional a cargo da Asociación Cultural Retranqueiros.
A programación incluía tamén unha actuación de Glasgow 15 e Del otro lado, que tivo que ser suspendida debido ao aviso por meteoroloxía adversa. A organización prevé recuperar esta cita nunha nova data e localización, aínda por confirmar.












